Cézaro De Luca | Europa Press

10 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un momento en que soñei que ela, cirúrxica, acabara confundíndose co meu propio rostro e nunca máis puidera arrancala de alí. Soñei, entre tanto pesadelo pandémico, que formaba parte do meu corpo: un apósito que non permitiría comer ou beber, pegado con cicuta á miña pel. Pero dende hoxe mesmo xa non forma parte dos exteriores. E todo por orde do Goberno que con tanto acerto e dilixencia xestionou o uso da máscara. Dende aquela frase magnífica que pronunciou don Fernando Simón, desaparecido en combate por obra e graza daqueles que tanto o defenderon. Dixo o ínclito Simón, 12 de maio de 2020: «El uso obligatorio de la mascarilla puede traer problemas». Despois dixo que sempre había que levar unha no peto. Agora xa non sei o que di ou deixa de dicir, porque a man que invisibilizou ao docto José Luis Ábalos ou á prudentísima Carmen Calvo decidiu, como un mago, facelo esvaecer: disipado na trenza dos días, pobre Simón. Volvo á mascara que hoxe quitamos en exteriores e que hai dez días, en consello de ministros, decidiron prolongar. E non só iso, os que non votaran tal prolongación eran inimigos dos pensionistas porque, nun suceso difícil de calificar, o Goberno uniu a máscara á suba das pensións. Unha chantaxe, dixeron os que non estaban de acordo. Non se decataron que era só un acto de amor. Un máis. Outro. Entre os moitos aos que nos ten acostumados este Goberno de progreso (e de regreso, de cando en vez: francamente). O certo é que por fin a máscara, e oxalá para sempre, non formará parte da vestimenta dos humanos que tanta humanidade perdemos neste tempo. Tempo de chorar, escribiu Celso Emilio. A máscara, afortunadamente, tamén ocultou as nosas bágoas.