O normal: usar ás tías

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Manuel Lorenzo

06 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Poñemos o berro no ceo porque o adestrador do Raio Vallecano feminino propuxo unha violación grupal, con coidado de que non fose menor, iso si —«eso es lo que une realmente a un staff y a un equipo»—, pero a nosa televisión pública manda a un certame de canción internacional a unha moza ensinando cacha e cantando que as mulleres estamos aí para ser usadas, e no Parlamento protesta(mos) pola cuestión organizativa, non vaia ser que un político pareza algo feminista preguntando a TVE polo respecto ás mulleres nos contidos. Ministra, que ocasión perdida: esa canción nunca debera chegar a competir. Igual que ese adestrador, catro anos despois do audio, non pode seguir adestrando mulleres e nenas. 

Dá igual que pedisen o seu cese as xogadoras, medio Vallecas e mesmo o alcalde de Madrid, pouco sospeitoso de ler a Beauvoir antes de deitarse. Dá igual que o voto do público optase por propostas musicais claramente feministas: a das nosas marabillosas Tanxugueiras tocaba a tecla da diversidade, e a de Bandini vai camiño de himno anticacha e antifúbol: «No sé por qué dan tanto miedo nuestras tetas».

Dá igual poñer o berro no ceo. Dá igual facer cancións intelixentes ou escenificar a forza de persoas libres que usan o seu corpo para bailar en lugar de excitar. O normal segue sendo que os tíos usen ás tías. Loitar contra iso é a guerra de Penélope contra a recua de pretendentes. Por certo, ela perdeu. As xogadoras poderían non xogar, igual que a cantante podería negarse a participar no certame musical. Pero serviría de algo?

Si, serviría. Sen xogadoras non hai fútbol e sen cantante non hai canción. Aínda temos o poder inmenso de cancelalos e apropiarnos do que é noso: os corpos e os beneficios que producimos. Pero esa valentía... ai!