Un vaso de auga

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

OSCAR CELA

03 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un vaso de auga pode significar a vida para un sedento. Non seriamos quen de sobrevivir sen inxerir líquido unha semana. É unha maneira groseira (e eficiente) de chamar pola morte: un simple vaso de auga.

Non esaxeramos cando dicimos que é fonte de vida. Ou sinal. Si, un simple vaso de auga. Isto mesmo foi o que fixo pensar a uns veciños que Manuel non estaba ben.

Sempre fora un home solitario, que ía e viña, andaba ao seu aire e non pedía nin rendía contas. Quen o arrodeaba estaba afeito ao seu silencio, tamén ás ausencias e presenzas intermitentes. Mais, nun lugar, a xente acaba por coñecerse e determinar os costumes dos demais, por moi anárquicos que sexan.

Manuel consumíase aos poucos. Presentaba cada vez un aspecto máis feble. Os veciños non querían importunalo e non o incomodaban con preguntas. Mais acabou por estrañarlles unha ausencia máis prolongada do habitual.

Chamaron á porta. Nunca abriu.

Que pasaría con Manuel? Como saber del?

O seu veciño máis próximo quixo atopar indicios. Deixou un vaso de auga ao pé da súa porta. Se aparecía derramado, pensaría que Manuel batera con el. Pero... se non era o caso... algo malo pasaba.

Por desgraza, a preocupación fíxose realidade. Manuel levaba semanas morto dentro da vivenda. Só.

Neste caso, o vaso de auga, intacto, foi o que alertou da morte.

Pensar nisto resúltame tan triste... Por iso non podo evitar agarrarme a ese vaso de auga, á intención do veciño de axudar sen molestar... Quero crer que o mundo pode seguir sendo así.