Non nos dá a vida

Llerena Perozo Porteiro ECOFEMINISTA. SOCIA DE A GARGALLEIRA, PROXECTO AGROCULTURAL

OPINIÓN

02 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns anos sufrín unha crise aguda de ansiedade. A presión da vida moderna, urbana e estresante pasoume a factura de vez.

Adoitaba dicir que «non me daba a vida». Comezara co insomnio. Logo, unha mañá especialmente tensa no despacho rematou en vómitos e colapso nervioso. Axiña acudín á miña médica de cabeceira, quen confirmou o meu diagnóstico e me prescribiu hipnóticos para durmir, ansiolíticos no almorzo e antidepresivos a mediodía.

Por sorte, estes últimos producíronme vertixes e retiroumos axiña. Porén, os outros dous fármacos seguiron vixentes na miña tarxeta sanitaria por un ano e medio, malia seren tratamentos de choque de curta duración. A medida que pasaba o tempo, eu empeoraba e ninguén facía seguimento. Nada mudara nas circunstancias esóxenas que me levar--an a esa doenza e, mentres, a medicación facía estragos cos seus efectos secundarios, amplificando os síntomas. Máis insomnio, máis ansiedade, máis irritabilidade, menos concentración, máis dor. En ningún momento o sistema público de saúde me ofreceu a posibilidade de ser atendida en terapia psicolóxica nin entrou a valorar as causas da miña doenza. Só recibín pílulas, efectos secundarios e a orde de «coidarme» e «animarme». Que boa idea, non se me ocorrera. Fun unha máis.

Hoxe, superada a crise grazas a un cambio radical de vida e moitos cartos investidos en terapia privada, abro a app do Sergas e fico abraiada. Aparece a campaña «Supera a túa depresión». Non imaxino unha proposta do servizo público animando á cidadanía a inmobilizar na casa as súas roturas de ósos. Poñendo a responsabilidade en quen padece unha doenza incapacitante. A atención primaria está desbordada e non lle compete a especialidade da saúde mental. Abondo fan co que teñen. Segundo a Enquisa Nacional de Saúde, o consumo de antidepresivos en Galicia medrara un 50 % entre 2013 e 2018. Contamos cunha psicóloga clínica por cada 25.000 pacientes. 220.000 persoas teñen prescritos antidepresivos en Galicia a día de hoxe. Delas, só 3.197 están neste intre agardando seren atendidas en terapia, con listas de ata 60 días.

Os suicidios, resultado sempre da depresión, aumentaron en 2021 en España un 18 %. 11 suicidios. Cada día.

A saúde mental é saúde. Todos os días alguén me di que «non lle dá a vida». Unha vida que fai enfermar, nun sistema precario que nin sequera ten mecanismos axeitados para repararnos e devolvernos ao mesmo. Estamos deixando morrer a persoas doentes.

Non nos dá a vida. Estamos moi mal da cabeza.