2022

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

CAPOTILLO

30 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

lumínanos. Que remate para sempre xamais amén este andazo, esta angustia. Que poidamos vernos os ollos, pero tamén as bocas e labios e dentes comendo risa con risa todos os minutos. Non o soportamos máis. Este é un grito de socorro, unha manifestación, unha pancarta en medio do deserto reclamando un stop que non permita o paso a todas as letras gregas do abecedario do inferno: de ómicron a delta, etcétera. Non o soportamos máis. Falan tanto de saúde, corporal e económica, que esqueceron a saúde da alma: a tristeza agáchase entre os escombros dos noticiarios. Non o soportamos máis. A deshumanización cabalga como mil búfalos, unha infantería de arame, batallón suicida. Neste tránsito que comezou en marzo de 2020 fomos perdendo a fe. E algúns xa renunciaron á palabra esperanza (a esperanza é esa voz tímida, case imperceptible, que nos murmura cada día: mañá será mellor). Non é o meu caso. Eu, como Mari Trini: «Yo no soy esa que pierde esperanzas». Porque quero escribir coplas alegres nesta contraportada cada xoves. Porque se facemos felices a un par de persoas, aínda que só sexa un par, é probable que nese par vaia tamén o noso nome. Porque non estamos dispostos a desaproveitar as oportunidades que a felicidade nos brinde entre as túas arestas, 2022. Poñámonos todos xuntos ao asunto. Arremanguémonos. Vistamos a funda de traballo para golpear todo xesto ou signo de derrota. Venceremos nós. E se non vencemos, que ninguén poida dicir que non o intentamos. Non caer. Resistir. Avanzar. Pedir perdón por cada paso atrás. Non sei que máis podo escribir. Solicitar ventura neste tempo desventurado. E rematar esta columna como a comecei. Vai abrir un novo ano. Ilumínanos, 2022.