
Cóidenseme, fáganme o favor. Póñanmo como único propósito para o próximo ano que está a piques de comezar. Mellor nos iría!
Non é tarefa sinxela, son totalmente consciente. Coidarse implica atender moitos aspectos. A saúde, o primeiro. E iso, cos tempos que vivimos, é unha encomenda complicada. A vida social muda por completo. Reducimos as nosas relacións persoais ao máximo. Usamos máscaras que nos afogan, a respiración e a mente. Xa non nos damos apertas, xa non rimos en grupo ao redor dunha mesa. Xa non nos xuntamos coma antes.
Descubrimos que isto altera, ademais, a calidade psicolóxica interior. Estamos cansos, defraudados, atemorizados. Por iso debemos tamén coidar do noso estado anímico. Reduzamos a tensión, pois. Diminuamos o nivel de crítica desapiadada, de cinismo, de agresividade. Canto menos os utilicemos, menos nos será devolto.