Un conto de Noiteboa

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

24 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Digo Noiteboa e as primeiras imaxes que me veñen á mente son da cea familiar na casa dos meus pais. Eu, con cinco anos, ledo e emocionado por verme na mesa grande do comedor cos meus irmáns, que esa noite deixaran as súas casas para vir á nosa. Tamén polas viandas a cea de Noiteboa resultaba especial, pero o que a facía única era que mentres eu me gorentaba cos turróns, os mazapáns e demais larpeiradas, a miña familia, como un pequeno orfeón, cantaba a dúas e tres voces unha ampla escolma de cancións románticas e divertidas, de orixe diversa, que os ferroláns fixeran súas. «Quen canta, dúas veces ora», e aquel repertorio de oracións profanas era un canto á vida familiar e expresión do desexo de seguirmos xuntos no futuro. Eu non podía entendelo así, claro; pero sentíao e era feliz. Por iso me gustou un conto de Noiteboa que alguén escribiu nun libro mecanografado e encadernado con engrudo que merquei, de rapaz, a un chambón. Na primeira páxina ían o título Cuentos e as siglas C. L. S. Varios trataban da cea de Noiteboa e nun, moi gracioso, os personaxes falaban en verso: —¿Me dais, Marqués, la manzana/ que está al lado de mi hermana?/ Perdón, pero se disfruta/ cuando hay en la mesa fruta.

—De mil amores, Duquesa;/ y esta nuez y aquella fresa.

Pero o meu favorito titulábase Las Nochebuenas de Pedro e contaba que Pedro reloucaba de contento porque, por primeira vez, estaba na cea familiar de Noiteboa, presidida polas dúas avoas, cos pais, os irmáns e os criados. Fóra da casa zoaba o vento e folerpas de neve caían pola cheminea, pero na lareira ardía un tronco de aciñeira que caldeaba a estancia, e a cea decorreu nun ambiente festeiro. E cando os doces feitos polas monxas e o augardente de guindas, caseiro, ían de man en man, cantaron os primeiros aguinaldos: «Esta noche es Nochebuena, y mañana Navidad; saca la bota María, que me voy a emborrachar».

E todo foi rir ata que unha avoa cantou: «La Nochebuena se viene, la Nochebuena se va, y nosotros nos iremos, y no volveremos más».