Ai, a brétema

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Jesús Diges | Efe

24 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A miúdo penso que deberiamos cambiar a percepción de nós mesmos. Ternos máis aprecio, sentirnos máis fachendosos das nosas peculiaridades, erradicar ese autoodio incrustado que vai acabar por destruírnos.

Esta crenza pode estenderse a moitos aspectos. Eu comezaría pola lingua, pero a seguir irían a música, o baile, a moda, o traballo, a artesanía... a brétema.

A néboa de Londres é un símbolo de identidade. Por que a nosa non? É máis limpa, máis natural, máis auténtica. Tanto, que determina trazados de autovías, que pon os enxeñeiros a pensar.

Deberiamos vela como un compoñente propio co que convivir, non como un elemento natural do que avergoñarnos.

E esa forza está en nós, que somos os responsables de darlle o valor que merece e de amosar ao mundo como queremos que nos vexan.

A néboa, por suposto, tamén inspira. Ten unha auréola de misterio que activa a imaxinación e pode ser xerme de historias, que logo ata pasan á literatura, ao cinema, á pintura ou á televisión.

E é fermoso remitírmonos á cultura para falar ou dar discursos. Pero as citas por si soas non teñen sentido. Hai que contextualizalas, no tema e no momento. Porque o tempo pasa para todos igual. A néboa, a brétema, amais do imaxinario, ten unha compoñente real, que non pode deter o mundo en séculos pasados.

A elegancia non radica nas palabras rimbombantes, na retórica, na literatura decimonónica. A elegancia radica na sinxeleza do respecto, aos demais e tamén cara a nós mesmos. Sexamos elegantes. E respectuosos.