Este ano botarei en falta a súa felicitación de Nadal: sempre nos desexaba por estas datas fanegas de saúde e de pan. O ferrado e a fanega —cinco ferrados— eran as súas unidades de medida universais. Valían para todo. Como medidas de superficie, de volume e de peso, pero tamén de felicidade e de mágoa.
O meu padriño, Juan de Cervelo, pedíalle ao Saleteiro que tocase un tango para temperar a súa nostalxia da Arxentina e o gaiteiro dáballe á pucha cara atrás, rañaba o ocipital con aire pensativo e desculpábase cun argumento pouco convincente:
—Ai, señorito Juan, síntollo ben, pero esas músicas non me caben na gaita.
A resposta provocaba a rexouba xeral. Todos, mesmo os cativos que ruabamos na romería de Lavandelo, riámonos pola picardía, porque a lenda rural atribuía poderosos membros virís e forza prodixiosa aos irmáns Saleteiro. Dun deles dicíase que era quen de carretar ao lombo, dunha sentada, unha fanega de pan e unha moza a carranchapernas. Do outro, o músico que tocaba na aldea por mor da amizade e unha bota de viño, seica era quen de arrebolar un ferrado de centeo coa gaita.
O que nos permite calcular, botando man da táboa de equivalencias, as capacidades hercúlea e viril dos irmáns Saleteiro. O forzudo, ademais da moza de envergadura indeterminada, carretaba ao lombo un saco de 61,25 quilos: o peso de cinco ferrados de centeo, unha fanega. E o mítico rebolo ou rapadoira do gaiteiro, a ferramenta cilíndrica coa que se eliminaba o cugulo e rasaba o gran, medía non menos de vinte e un centímetros de lonxitude, que ese viña ser o ancho do caixón trapezoidal de madeira —ferrado polas xuntas: daí o nome— que se usaba para medir a cantidade de cereal.
Isto era na miña parroquia, porque o ferrado, ademais de polivalente, é tamén esvaradizo e mutante. O seu tamaño varía ás veces entre parroquias veciñas. Na miña freguesía, un ferrado de centeo contiña a semente necesaria para cubrir un ferrado de superficie. Traducido a termos actuais, un ferrado de terra equivalía a 603,7 metros cadrados e un ferrado de gran levaba 16,6 litros de cereal que, sendo centeo, pesan 12,25 quilos. O que nunca puiden determinar, porque nunca atopei a táboa de equivalencias, é a cantidade de saúde e de felicidade que caben nun ferrado ou nunha fanega.
Sírvame esta expedición pola Galicia dos nosos avós para celebrar con panxoliñas o renacido consenso sobre as linguas cooficiais. Todos, en singular pacto establecido no Senado, se xuramentaron na súa promoción. Os que antonte enchían de pedras as mochilas dos nenos por non falaren catalán e os que onte erguían murallas e chiringuitos para defender o castelán do raro asedio. Os que defendían a diversidade do ferrado e os que avogaban polo raseiro uniformizador da hectárea. Disque o PP se sumou á emenda para amolar a Sánchez e retrasar oito días o Presuposto. Non o creo. Foi o Nadal o que obrou o milagre da concordia. Un Nadal no que seguimos a debaternos entre a bolsa e a vida, polo que lles desexo fanegas de saúde e de pan.