Que importa

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

JUAN CARLOS HIDALGO | Efe

23 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A saúde, principalmente. Importa que os que queremos estean ben e nos sigan querendo. Que esta ruína sanitaria e humana, en forma de virus, desapareza. Que non nos venzan as lástimas e mágoas. Que a palabra esperanza camiñe un maratón polo horizonte, para poder vela, soñala, agarimala e que nos agarime. Importa que o frío non se meta nas entrañas. Que sexamos un pouco mellores cada día, bos e xenerosos, asevera o himno de Nós. Que discrepemos cordialmente e máis cordialmente saibamos chegar a un lugar común, acordar, concordar, non negar por sistema. Non tragar, tampouco. Que a cosmética e a frivolidade e o planeta do vulgar e dos vulgares teña menos efectos nocivos sobre a sociedade. Que vivamos e saibamos que a vida, aínda que pareza un tópico navideño, resulta marabillosa. Que o trap e rap perdan a partida. Que aprendamos as leccións que nos dan cada día eses que entregan o seu quefacer aos demais, sen descanso, que fan da solidariedade e da decencia humana o seu modo de transitar polo mundo. Que nos soportemos máis do que nos soportamos. Que o rancor quede por sempre desterrado deste país hospitalario e amable. Que eses que administran os nosos económicos e políticos destinos non mintan. Polo menos. Que non mintan máis. Que as flores poidan crecer aínda en medio do inverno. Que sigamos escoitando a Bach, que segue en pé despois de tantos e tantos anos. Que leamos e aprendamos a ler, por se esquecemos que en literatura non todo é o mesmo. Que volvamos a cantar aquela de Serrat: «Hoy puede ser un gran día, plantéatelo así». Que saia o sol, por fin. Que o neno naza esta vez máis alegre e venturoso. Importa seguir. E amar. E sentir. Iso é o que importa.