Querer saber

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

cedida por la familia

15 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A mamá non lle gustan os dez de decembro. É unha data na que, de maneira reiterada, non a acompañaron boas novas. Algunha vez rompeuse o meigallo desa tradición rexeitada, pero non equilibrou a balanza. 

Hoxe escribo este artigo pensando que é día dez, un día sinalado e un día normal ao mesmo tempo. Todos os días poden ser dun ou doutro xeito segundo a importancia que lles deamos.

Para a familia de Déborah, hoxe pode ser un bo día, ou un día máis, ou unha mala xornada. Déborah desapareceu un 30 de abril de hai case vinte anos. Iso si é unha mala data. Case tan mala coma o dez de maio, cando se atopou o seu cadáver.

Está rematando o ano 2021 e pouco ou case nada se sabe do caso. De feito, pechouse, volveuse abrir, hai testemuñas que non declaran... Unha lea considerable.

Non é o único así, no aire. Hai desaparicións e asasinatos sen resolver que teñen ás familias consumidas. Porque é necesario saber, coser feridas, deixar que cicatricen. As dúbidas son coma a carne aberta, latexando na súa dor constantemente.

Que foi o que pasou? Por que? Quen?

Hai múltiples incógnitas. Saber non é unha teima, é unha necesidade. As institucións, as persoas, deberiamos poñer todo da nosa parte para coñecer, sempre, a verdade. Ás veces require de esforzos inxentes, seino. Mais a vida é o ben máis prezado, ben o merece. A Déborah non se lle vai poder devolver, pero a súa familia merece un pouco de sosego.

Non busco respostas por curiosidade individual, trátase dunha cuestión de tranquilidade social.