Máis recursos, máis universidade?

Juan M. Lema Rodicio PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

11 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O recente acordo do plan de financiamento do sistema universitario galego para os vindeiros cinco anos é, sen dúbida, unha moi boa nova. Non só polo incremento global, senón tamén por ter sido consensuado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as tres universidades galegas. Na súa arquitectura contémplanse fondos finalistas para cubrir os custos básicos pero tamén fondos ligados a resultados, unha fórmula xa aplicada no plan vixente pero que se profunda para o vindeiro. Se ben a Universidade española está escasamente financiada en comparación coas máis dinámicas en Europa, Galicia sitúase a nivel español na banda alta entre as comunidades autónomas, garantindo ademais a estabilidade que permite acadar un plan plurianual, un modelo case singular no panorama universitario español.

Particularmente resulta satisfactoria a aprobación dunha partida substancial para dinamizar a capacidade investigadora. Paseniñamente, a concepción da investigación nas tres universidades vai experimentando transformacións en profundidade, como a consolidación do sistema de grupos de investigación e a creación e fortalecemento de estruturas máis ambiciosas, como os centros de investigación que, seguindo o modelo lanzado hai mais de dez anos pola Universidade de Santiago, está implantándose con éxito nas tres universidades, nunha iniciativa agora liderada pola Secretaría Xeral de Universidades. Sen dúbida, este modelo está aliñado coas dinámicas internacionais e favorece a creación de áreas referenciais dinamizadoras. Pero, ao mesmo tempo, polo camiño foron apagándose un número significativo de grupos de investigación que por falta dunha visión estratéxica a medio prazo víronse imposibilitados de continuar o seu traballo, probablemente menos visible, pero moi honesto.

As tres universidades atópanse agora nunha etapa clave, con retos moi importantes. Entre outros, iniciativas ambiciosas como a Cidade das TIC, Campus do Mar ou Campus da Saúde que pretenden, en accións conxuntas con outras institucións, crear polos de atención para desenvolvemento científico, tecnolóxico e empresarial. Cómpre asemade a consolidación e expansión dos seus centros de investigación. E, en paralelo, ábrese agora unha moi boa circunstancia para lanzar, dende as propias universidades, iniciativas mobilizadoras que permitan recuperar, senón completamente, ao menos unha gran parte da capacidade investigadora latente, impulsando decididamente a investigación mediante políticas activas de recoñecemento e promoción, programas que impliquen compromisos orzamentarios e organizativos.

É tamén momento de renovación do cadro de profesorado e de persoal de administración e servizos. A estes efectos resultaría necesaria a revisión en profundidade dos procedementos de selección, nunha formulación máis aberta, esixente e ambiciosa, incluíndo accións específicas de atracción activa naqueles casos en que se requirisen cambios en profundidade. Sería decisiva, por outra banda, o fortalecemento dos programas posdoutorais e de atracción de talento sénior actualmente pilotados dende a Xunta.

A integración plena das nosas universidades nas redes internacionais, non só nas redes docentes, é polo momento un tema pendente no SUG (sistema universitario) e cumpriría accións específicas, tanto a nivel interno como externo. Tratar de acadar niveis internacionais na nosa docencia, nos nosos servizos e na nosa investigación non significa nada máis e nada menos que a súa modernización. A posta en marcha de programas piloto que marquen o rumbo e que sirvan de estímulo pode ser unha moi boa estratexia.

Nos aspectos docentes cabería revisar criticamente o catálogo actual, unha medida que se contempla no futuro plan de financiamento, e salientar a posta en marcha dos novos títulos de grao que van modernizar o mapa de titulacións. Vai resultar vital a concepción dos novos mestrados interuniversitarios promovidos dende a Secretaría Xeral de Universidades, que pretenden aportar unha oferta novidosa para os nosos estudantes pero que tamén deben ambicionar a atención de estudantes internacionais.

Todos eles, accións e cambios necesarios para que o sistema universitario galego poida competir eficazmente nun mundo esixente que se move rapidamente, procurando unha capacidade formativa e investigadora á altura que lle demanda a sociedade galega.