Gonzalo Caballero, socialista romántico

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

11 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Gonzalo Caballero perdeu as primarias ante Valentín González Formoso, pero non acepta a derrota; acusa o vencedor de ser como o cabalo de Atila e ata amagou con levar unha lista alternativa ao congreso do PSOE galego celebrado esta semana, polo que no partido hai quen o iguala a Trump. Home, por favor, a Trump non! Eu, por rebelde, véxoo como un Lope de Aguirre, o conquistador que nin sequera recoñeceu a autoridade de Felipe II; ou coma o soldado xaponés Hiro Onoda, que non aceptou a derrota do seu país na II Guerra Mundial e tardou 30 anos en renderse; e por bravura recórdame ao outro gran Gonzalo, o Fernández de Córdoba, o gran capitán, garrido, valente, temerario; que facía as contas con ducados e reais como Gonzalo Caballero as fai con votos. Hai algo máis que valoro moitísimo neste apaixonado político galego: o apego á tradición do partido, porque un PSOE sen liortas internas, non sería o PSOE.

As de Pedro Sánchez e Susana Díaz son recentes e non paga a pena recordalas, pero si como se despelexaban un a outro; que tiñan máis afiadas as linguas que Mackie a navalla. No PSOE de Felipe González e Alfonso Guerra, tamén as houbo, e fortes, cando Felipe impuxo a renuncia ao marxismo; e coas políticas de reconversión industrial de Solchaga. Fortísima fora a do Congreso de Toulouse, en 1972, que rematou coa escisión do partido no PSOE histórico, o do exilio; e o PSOE renovado, o do interior. Dous anos antes, fora expulsado Tierno Galván, que creou o Partido Socialista Popular. En 1964, Tierno, foncho como un pavo real, presentárase a Llopis, secretario xeral do PSOE, coa pretensión de substituílo. A resposta do político no exilio non puido ser máis elocuente: «No me joda, profesor». Nunca ben se levaron.

Porén, a escisión máis dramática produciuse ao rematar a Guerra Civil cando os socialistas uniron á dor da derrota e do desterro, a de romper o partido en dous: un que seguiu ao expresidente Juan Negrín; outro ao exministro Indalecio Prieto. Anos despois, cando Prieto tivo o control do PSOE, expulsou a Negrín e outros coñecidos dirixentes. Máis graves aínda foran os enfrontamentos entre Indalecio Prieto e Largo Caballero nos últimos anos da República. Tan dividido estaba o partido, que os largocabaleiristas editaban o xornal Claridad, dirixido por Luis Araquistain; e os prietistas El socialista, que dirixía Julián Zugazagoitia. Un día do 1936, os dous directores atopáronse no concurridísimo parque do Retiro e Araquistain largoulle unha labazada a Zugazagoitia, que lle respondeu cun empuxón. Aquela xenreira respondía a diferenzas políticas insalvábeis entre o sector pro comunista de Largo Caballero e o moderado de Prieto. O 31 de maio de 1936, Prieto e Negrín tiñan que dar un mitin na praza de touros de Écija, pero non o puideron facelo porque un grupo de largocabaleiristas escorrentáronos a croiazos e a tiros. Prieto escribiría a un amigo que os mozos da escolta lle salvaran a vida.