Manolo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

JOSE MANUEL CASAL

Había que esperar. Que a emoción non confundise a elocución. Esperar. Non foi posible. Escribo esta columna, triste, pensándote. Faltas. Falta a túa xenerosidade, esa risa «vascoandaluza» sincera. O teu inconformismo. E as ilusións. Faltan os teus soños. Este verán non crecerán os tomates que coidabas con esmero: fillos da terra que amabas. Digo os tomates porque o primeiro do pasado agosto foi para min. Faltarán os espazos onde medraban felices os animais e as flores, árbores, ese aire limpo que os homes coma ti pintaban ao seu arredor. En Vilariño das Touzas non quedan escaleiras ao ceo: para tomar contigo a penúltima copa, meu amigo. Anda, Manolo, só se che ocorre a ti marchar tan cedo. Que vou facer coa cadeira baleira, a túa, onde sentabas. Aínda te vexo: contento, con boa cara pese ás malas noticias dos informes médicos. Pero quedaba a esperanza. Sempre a esperanza. Que gran lección a dos homes grandes: a esperanza, pese a todo, existe. Ademais, só faltaba que os malos informes estragasen a voda de Olatz. Alá fomos. Bilbao. Guecho. E o meu Barcelona que perdeu aquel sábado. No televisor do hotel eu só te vía a ti: guapetón, con chaleco e traxe de voda, elegante, do brazo da túa filla. Pensei: velaquí un heroe. Un deses que non sae nas noticias. Que importan as noticias. Eu só quero escoitar a túa risa. Esta tarde escribo porque escribir é o meu defecto. Os afectos son a miña virtude: a familia e os amigos. Quero dicir que o que amas perdura. Ti, por exemplo. Despois da voda, seis días despois, partiron os teus ollos e a túa bonhomía. Pero non partiron para sempre. Sei que nalgún lugar estás esperando para brindar pola vida, Manolo. Non podes imaxinar canto te botamos de menos.