Os límites da liberdade son definidos pola sociedade a través dos seus representantes parlamentarios. Nas democracias hai verdades rotundas e esta, fundada en dous séculos de experiencia. As recentes mobilizacións de sindicatos e organizacións policiais, e especialmente a da pasada fin de semana, merecen unha reflexión como cidadáns. As protestas están unidas á creación do sindicato Jusapol en 2017, nacido como reacción ás reclamacións salariais non atendidas polo ministro Zoido, que incluían a moi discutible petición de equiparación salarial entre todos os corpos policiais do Estado. O éxito das masivas mobilizacións de policías e gardas civís en outubro daquel ano prolongouse coa posterior participación dunha extrema dereita que logrou levar a aquel rego á dereita inxenua. O papel de Ciudadanos, intentando vincular as protestas co rexeitamento do procés catalá, botou leña ao lume. Agora o sindicato policial maioritario mobilizouse para premer corporativa e politicamente contra a reformulación parlamentaria da chamada Lei Mordaza (Seguridade Cidadá, 2015). Para propoñer, dende o punto de vista policial, en que debe consistir o exercicio das liberdades e os seu límites.
O pedimento de equiparación salarial entre as diferentes policías non só é discutible, senón impracticable. O albo da reivindicación era lograr os niveis salariais das policías vasca e catalá, pero o certo é que a igualación salarial dos funcionarios autonómicos é tan imposible como impensable, como equiparar os prezos das vivendas en Cataluña e Galicia ou pensar que poden igualarse os prezos das consumicións no centro de Sevilla e nas aforas de Palencia. A reivindicación era insensata pero comprensible, pero as novas protestas sobre a reforma da Lei de Seguridade Cidadá xa son outra cousa.
Os cidadáns, non o Estado, ceden ás forzas de seguridade o monopolio da violencia e deciden a través dos seus representantes electos os límites e a forma de exercer esa violencia. Os sanitarios ou os universitarios critican ou mobilízanse en relación coas leis que lles afectan, como fan os traballadores do metal ou os leiteiros cando reclaman acordos salariais ou mellores prezos, pero ningún destes colectivos ten encomendado o uso da violencia para a nosa protección. As forzas de seguridade teñen xaora dereito de sindicación e protesta, pero a súa función establece límites infranqueables. A palabra dos funcionarios é acreditada, pero non ten valor de lei. A da policía tampouco pode telo. Sería como se a nota dun exame corrixido por un funcionario docente non puidese ser recorrida porque facelo socavaría a súa autoridade. Na Transición, cando aspirabamos a unha policía democrática, os bobbies ingleses, capaces de conter multitudes cos seus corpos e saudar aos veciños, eran o modelo.
O Código Penal non se pode aplicar preventivamente como reclama o sindicato policial.
En España superouse o problema militar, pero por diferentes razóns nunca se abordou o problema policial. Afrontalo forma parte do debate democrático.