Desaxustes sintomáticos dunha crise que vén?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Ricardo Maldonado Rozo | Efe

23 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo anda revolto dende a pandemia. Así diría calquera das nosas avoas nadas co século pasado. O presente visto cos ollos do pasado apunta vellos sinais coñecidos. Os atascos de buques porta-contedores nos portos de Los Ángeles, ou nas canles entre océanos por desaxustes na loxística do transporte marítimo entre os centros produtores asiáticos e os consumidores americanos e europeos, son algo novo pero o que o rodea non tanto.

Todo empezou —aparentemente— coa pandemia, cando parou a produción mundial e tamén o consumo. Nin estaba previsto nin estabamos preparados. A posterior reactivación da produción e do consumo provocou eses desaxustes do transporte que agora experimenta o comercio mundial. O aumento dos prezos dos fretes é unha consecuencia inevitable e con el o incremento dos prezos dos produtos transportados. A inflación, por este e outros factores, aparece xa mes a mes como un temido —e coñecido— factor de desequilibrio económico.

O relativo desabastecemento dos consumidores non é un grande problema se non se prolonga, mesmo acrecenta o aforro familiar. Pero o desabastecemento de compoñentes para a fabricación de bens de equipo está causando efectos sorprendentes e duradeiros no caso da industria do automóbil. Estanse constatando desaxustes que xa estaban posiblemente detrás da reacción proteccionista de Trump e no brexit. O primeiro corrixiuse en parte co triunfo de Biden, pero o isolacionismo británico está aumentado os desaxustes nas illas e por extensión en Europa.

Un día din que o problema está do outro lado do canal (da Mancha ou inglés, como prefiran) porque non hai condutores de camións, e á semana seguinte resulta que o problema atinxe a todo o continente. O certo é que só romaneses, españois (algúns) e portugueses están dispostos a aceptar as leoninas condicións salariais e laborais que impoñen os empregadores, nun intre de aumento exponencial da demanda. Os choferes, de teren alternativa, escollen. Estes días semella que os estaleiros de Cádiz volven ter clase operaria combativa, os leiteiros galegos fartaron de producir para engordar as vacas doutros e na Mariña deben estar a pensar se queimar rodas pneumáticas ou tetra-bricks. O mundo non é capaz de producir bicicletas para unha demanda en aumento tamén derivada da pandemia, da crecente conciencia ambiental que aguillou e do incremento dos prezos de combustibles. Unha situación que está dando lugar ao aumento do roubo de bicicletas no último ano. Dou fe. Se Vittorio de Sica erguera a cabeza berraría de novo ao Ladrón de bicicletas. Neorrealismo puro. Benvidos á historia.