Galván en Roás

María Xosé Fernández Cerviño PATROA DO MUSEO DO POBO GALEGO

OPINIÓN

Siro

18 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai veces en que o máis elocuente é o silencio. Foise Darío Xohán Cabana, un astro maior da pléiade galega, e non hai palabras que poidan encher o profundo baleiro da súa partida. Deixemos que o fagan os seus conmilitóns na fronte das nosas letras.

Nacido no seo dunha familia campesiña da Galicia profunda, sen terra de seu pero rica en saberes, Darío sentiuse de contado chamado por dous ideais: a ideoloxía dos seus maiores, que o levou cara ao nacionalismo, e a paixón pola literatura. E decidiu entregarse de cheo, como un obreiro, un artesán da palabra. Como Pessoa ou Kavafis, tivo que loitar pola vida traballando nos diversos oficios da cultura, desde os humildes, vendedor de libros ou conserxe, ate os prestixiosos, a edición e a tradución. E abofé que destacou tamén neste último coas súas celebradas versións de Dante.

Aínda que cultivase todos os xéneros, coa galardoada novela Galván en Saor como título de referencia, era sobre todo poeta. Un poeta laureado ao seu pesar, porque confesaba que se sentía chamado máis ben polos camiños da filoloxía e a historia. Por iso afirmaba: «Eu non son escritor profesional, … non quero vivir da literatura». Pero a literatura escolleuno, e coa súa sensibilidade e intelixencia deu en crear un mundo de palabras que enriqueceu e ensanchou os marcos da lingua.

Unha das grandes satisfaccións da súa vida debeu de ser a oportunidade de suceder a Manuel María na cadeira da Real Academia Galega. O seu discurso de ingreso, dando razón de inquebrantable lealdade na militancia literaria e ideolóxica, titulouse De Manuel María a Ferrín: a grande xeración. E foi Ferrín o encargado de lle dar resposta. Nestes nomes, e nuns poucos máis, cifraba os eixes esenciais da súa traxectoria. Era, nese sentido, un home afable e xeneroso que non se daba importancia e poñía sempre por diante, como claves da súa vida, a terra e o pobo.

Cando a república das letras perde un cidadán tan conspicuo, os coetáneos tendemos a pensar que estamos quedando sen referentes. Ende ben, unha vizosa cohorte de poetas novos vai poboando as listas de desexos para o próximo Nadal.

Longa vida á poesía galega, e que as musas inspiren a Real Academia para remediar dignamente esta orfandade.