«Carroñeiras»

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Pixabay

13 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En galego dise prea, pero apelamos ás connotacións dos documentais da 2: hienas que rin ao mancar a alguén aínda vivo. A diferenza dos animais, nós non ventamos a morte, senón só unha historia curiosa chea de xente débil cunha bonita axenda política por paisaxe. Non fan falla dentaduras, só posuír un medio de comunicación pouco escrupuloso e Twitter coa súa capacidade para ciscar merda. Conclusión: a historia de Manel, o mariño poeta que sufriu un accidente laboral aos 22 anos e permaneceu en estado catatónico ata que un fármaco o esperta trinta e cinco anos despois.

Que non nos escape o interese de determinados medios antieutanasia en enfocar o posíbel happy end do sufrimento extremo. Nin que, se houbo un só xornal —este— que si contou ben a historia, os demais non o fixeron porque non quixeron. Chámenme rara, pero a min dáme que poñer un micro diante de Manel debera servir para explicar a traxedia dese estar presente sen ser persoa, a dor dunha vida marcada por espertares de horas, días, con sorte semanas, que non eran máis cá euforia previa á mediomorte que foi a súa existencia.

Así se provoca aos gardas da moral e aos cuñaos cuxa opinión non interesa fóra dos límites difusos da barra do bar. Explicas mal o que che contaron ben, cuestionas a capacidade dun ser catatónico para procrear de xeito que isto supere en interese informativo ao cumio de Glasgow, e, coma se o cristal líquido do móbil implantase en cada español o coñecemento íntimo da vida de Manel, xorde a acusación, coma se non fosen eles fozar na súa historia sen pedirlle permiso. Iso fan as fake news: converten as persoas en seres que podrecen no deserto, mentres as hienas escachan coa risa. E Manel aí segue, coa súa traxedia ao lombo convertida en carroña.