Altamente preocupante. O número de crimes e ataques violentos que seguimos sufrindo as mulleres non ten descanso, non nos dá tregua, non nos permite respirar.
O outro día tiven que ir a urxencias (toda unha odisea, por certo, que gardo para relatar noutro artigo) e o meu medo maior era ter que ir á farmacia de madrugada. Porque si, porque paso medo, porque é moi difícil desterralo do corpo. Abro o xornal e aparecen. Lanzárona desde a muralla. Mordéronlle un peito. Violárona e provocáronlle danos físicos terribles. E así un e outro titular. E así unha e outra vida en perigo. E así, a integridade volátil.
Díganme, por favor, como educo as millas fillas con acougo, como lles inculco a valentía, como interiorizan a afouteza, como se poden sentir libres. Díganme, porque xa se senten encadeadas. Díganme, tamén, como podo saír á rúa sen que me treman as pernas, como non ser desconfiada, como recuperar a inocencia perdida.
É unha tarefa complicada esta de camiñar a vida sendo muller.
Porque as cifras, por moi elevadas que sexan, non deixan de resultar frías e estrañas. Non teñen en conta os sentimentos, as emocións, o carácter persoal de cada vítima. Pero sentirse identificada con calquera delas... muda a percepción.
Queremos ser libres e valentes, mais póñennolo moi complicado. Por iso, non volvan dicirnos que somos unhas esaxeradas, que o estamos inventando ou silencien a nosa voz. Berramos porque é absolutamente necesario e a situación continúa a ser altamente preocupante.