O mesmo soldo para todos os docentes

Antonio Leonardo Pastor PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE DIRECTORES DE CENTROS PÚBLICOS DE A CORUÑA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

08 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Cobran moito os mestres? Falar de soldos sempre é motivo de discrepancias, sempre temos quen pensa que non cobran moito, e outros que dirán que si cobran un bo soldo. Pero o que si podemos dicir é que os soldo dos docentes galegos a nivel mundial está entre os 15 mellores, en concreto España ocupa o posto 13 no ranking mundial, iso si, a unha distancia do primeiro, que é Luxemburgo, de máis do dobre.

Isto, a primeira vista pode parecer moi salientable, aínda que se o analizamos tendo en conta outros factores dos distintos países, como pode ser o custe da vida, igual poderemos comprobar que a diferenza non é tal. Penso que facendo unha profunda análise dos factores que inflúen na nosa sociedade o soldo dos docentes galegos non podemos cualificalo de baixo.

Sen embargo, hai moitas outras preguntas que nos poderíamos facer en referencia ao soldo dos docentes, e que poderían ser motivo dun interesante debate, xa que todos os mestres non cobran o mesmo. Cobrar máis por ter unha titulación superior? É importante o factor vocacional para favorecer o ensino? Ten unha relación directa a mellora do ensino co aumento dos soldos?. Por que os mestres de comunidades autonómicas distintas cobran distinto salario? Ao final non somos todos docentes, non temos todos o mesmo obxectivo (participar e contribuír na formación do alumnado)? Estas e outras máis poderían poñerse enriba da mesa e dar para un longo debate.

A nivel autonómico, se atendemos estritamente ás cifras, mantémonos no medio do ranking, pero volvo facer fincapé no dito anteriormente: que para poder ter datos reais de diferenza de soldos habería que ter en conta outros factores, como pode ser o custe da vida de cada unha das comunidades autónomas. Por poñer un exemplo, o imposto de circulación na cidade da Coruña está nos 224 euros, mentres que na cidade de Bilbao ese mesmo vehículo pagaría 300 euros.

A profesión de docente, indiferentemente da etapa educativa, ten un marcado factor vocacional, pero se temos unha etapa educativa onde se resalta este factor sen lugar a dúbida é na etapa de educación infantil; ver traballar a estes docentes é sorprendente, non me cansarei de felicitalos. Pero tampouco quero facer de menos o labor doutros docentes, porque no fondo todos temos unha indirecta relación. Todas as etapas educativas están relacionadas entre elas, e sería moi beneficioso para o ensino a existencia dunha coordinación entre todos os docentes das distintas etapas educativas.

Así pois, se todos temos o mesmo obxectivo e función, a formación, quizais deberíamos preguntarnos: non sería conveniente crear un corpo único de docentes?