Coidadores

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Oscar Vázquez

05 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o ano 2014 a Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEGG) celebra o Día do Coidador cada 5 de novembro. A iniciativa comezou co fin de «mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e formar, apoiar e recoñecer aos coidadores aos que acotío se lles infravalora o seu traballo». Con esta campaña, a SEGG tenta facer visible a dobre vida dos coidadores, aportando datos que axudan a entender a realidade social e laboral arredor dos coidados, e tamén tentan «incrementar o recoñecemento social e validación da extenuante tarefa que realizan as persoas que coidan dun familiar».

E entón quedei pensando na cantidade de persoas que coñezo que teñen ao seu coidado a un familiar máis ou menos dependente, e no xeito que teñen de conciliar esa responsabilidade co resto das súas responsabilidades diarias. E tamén pensei na cantidade de coidadores profesionais que coñezo, e no complexo que ten que ser conciliar a súa vida persoal e familiar coa vida persoal e familiar da persoa para a que traballan. Pois no tema dos coidados todos temos algo que dicir, e dalgún xeito todos cremos que temos a razón, a pesar de que a meirande parte das familias que se enfrontan a unha realidade que require coidados nunca recibiu formación para lidar co que significa coidar e ser coidado. E nunha casa, cando se xuntan o cansazo coa preocupación, é difícil manter a paz.

Pero logo imaxinei a aqueles que necesitan coidados e que non os teñen. Aos que están tan sós que nin poden permitirse chegar a aceptar que precisan axuda. Aos que se saben invisibles... E acabei matinando sobre a soidade, e sobre o pouco que facemos para combatela nesta avellentada Galicia.