Prostitución: abrir o melón

Llerena Perozo Porteiro LIÑA ABERTA

OPINIÓN

Jesús Hellín | Europa Press

03 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son filla do feminismo. Lembro, desde ben nova, os faladoiros das amigas da miña nai, aos que asistía engaiolada. Eu era aínda unha adolescente sobre preocupada pola fame no mundo. Elas falaban de liberdade, de dignidade. Porén, cando chegaba o asunto da prostitución o debate bloqueábase. Sempre chegaban ao mesmo acordo: adiar. Non conviña, naquel activismo minoritario tan mal visto, propiciar fendas internas que dividisen. Nunca entendín que pasaba. Agora chegou o día. E resulta tremendamente triste, doloroso e violento que, no tempo da cuarta onda feminista, do feminismo global, non sexa este movemento civilizador quen dirixa o diálogo social, senón lobis disfrazados de feministas que resignifican conceptos á súa conveniencia e os espallan a toda velocidade. Atopámonos con que un dos socios de goberno, que leva no seu programa o abolicionismo, dá contra o muro de todos os demais partidos políticos. Desde Vox ata Unidas Podemos aparecen peros. A ministra fala de «non sacar o tema para non dividir ao feminismo», mais non ten problema en provocar grandes cismas coa súa defensa tenaz da Lei Trans. O común denominador: ninguén quere acompañar ao PSOE e abrir ese melón cargado de intereses económicos. Porque a prostitución computa, xunto co narcotráfico, no PIB español. O terceiro país en consumo de carne humana. Máis de 4.000 millóns de euros anuais. Catro de cada dez homes recoñécense puteiros. O 80 % das prostituídas, vítimas da trata. A abolición da prostitución é un paso imprescindible para que poidamos denominarnos democracia. Nos países que aplicaron a proposta regulacionista, como Dinamarca ou Alemaña, a trata de mulleres para comercio dos seus corpos e mentes medrou. Naqueles, abolicionistas, nos que se perseguiu a tratantes e consumidores, como Suecia ou Noruega, descendeu.

Somos quen de aceptar un confinamento forzoso. A prohibición de fumar. A de consumir segundo que substancias. Aturamos reformas laborais e leis mordaza que nos alienan e empobrecen. Mais cando chega o tema do uso de mulleres para consumo, sen importar elas coma seres humanos, a palabra liberdade aparece impresa en grandes letras douradas. Mentres, os tratantes de escravas fan negocio, os puteiros reciben o visto bo da veciñanza ou pasan desapercibidos e milleiros de mulleres ven as súas vidas esmorecer no último elo da cadea trófica desta suposta democracia. Este melón vén cargado de hipocrisía, cartos e machismo. Hai que abrilo xa.