Nin Samaín nin Halloween

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Mario Guzmán | Efe

31 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns anos, cando o Samaín intentaba recuperar tradición na nosa terra, dábame moita pena pensar que o importado Halloween lle comera as papas dunha maneira tremenda, sen esforzo. Teño a sensación de que a idea xeral é que o alleo é sempre moito mellor ca o propio.

Todo hai que dicilo, cando eu era nena, nin Samaín, nin Halloween. O que había era o día de Defuntos e o día de Tódolos Santos. Iso era o que había: enfatizar unha lembranza especial para os que xa non estaban con nós, facer ramos en familia. Tamén visitar o cemiterio, todo engalanado, falar cos veciños e comer na casa da madriña. Para iso era este día, esta ponte.

Mais todo se desvirtúa. Non só polo Halloween, que tampouco é o que era! A cativada tómao coma un pseudo-entroido. Se cadra, caracterízanse inspirándose no terror, no medo... pero a maior parte nin sequera sabe que todo parte da crenza de que, neste tempo no que se despedía o verán, os mortos regresaban para visitar aos mortais.

Por iso non é estraño ver pola rúa súper-heroes, trogloditas ou piratas. O caso é ter festa. Claro que, coa tempada de recollemento que levamos, non me estrañan as ganas desmesuradas desta.

Mais eu seguirei pegada á orixe. Este ano, coma ultimamente, con máis ausencias que lembrar e honrar. Volverei pensar, novamente, que a vida ás veces é tan fráxil coma os pétalos das flores que levarei ao cemiterio. Coma as tradicións. Que mágoa construír, unha vida ou unha cultura, para que poida converterse en po e ser borrado dun soprido.