Apareceu

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

santi boullosa

21 oct 2021 . Actualizado a las 10:13 h.

Non era fácil. A última palabra daquela columna estival incitábanos a pensar que o cabalo branco, Trono, o amigo do primo Gerardo, terminara a súa vida en forma de carne para o consumo: hamburguesas. Non foi así. Camiñei por todo o val. Norte, sur, leste e oeste. E, sen querer, atopei a dous cabalos na miña ruta perpetua do río Támega. Un branco, outro marrón. Fixen fotos e mandeinas ao grupo da familia, onde o meu primo Gerardo é o que controla o cotarro. Non pasaron dous segundos e xa contestou cunha frase, esta: «Apareceu». Eu entendín de contado que algún dos dous cabalos da foto era Trono, ese co que o primo fixera amizade durante o inverno e que, sen saber o motivo, desaparecera. De seguido comentou que era unha brincadeira. Emoticonas con rostros de burla e risa. Obviamente, o primo Gerardo quería dicir que ningún dos dous, nin o branco nin o marrón, tiñan nada que ver co seu cabalo. Quedei decepcionado. A foto non era boa. Tomeina dende moita distancia cun teléfono móbil de escasa calidade, o meu. Pero hoxe, hoxe mesmo, volvín pasar polo lugar. Os dous cabalos estaban a dous metros de min, separados por un valado mínimo. Volvín apertar o botón da fotografía. Envieilla ao Gerardo. Xa non me dixo que non era el. Chamou con urxencia. Díxome: «Dálle algo de herba, a ver se a come». Eu deilla ao cabalo. Ao branco, obviamente. E comeu. O Gerardo comezou a emocionarse. «Espera, neno, que vou para aí». Despois pediu desculpas porque non podía saír. Porén, deume a fórmula para saber se o cabalo branco non acabara en hamburguesas. «Neno, grita Trono». Eu gritei: «Trooono!». O cabalo comezou a saltar de alegría e contento. O meu primo Gerardo chorou de felicidade.