Da transición inxusta ao ilusionismo

Fermín Paz Lamigueiro TRABALLADOR XUBILADO DE ENEL-ENDESA

OPINIÓN

CESAR TOIMIL

20 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Como dicía noutra ocasión, unha transición é inxusta cando as comarcas onde se aplica pasan dunha cunha certa industrialización a un suicidio asistido á espera das promesas das empresas, que dedican os seus esforzos a dar publicidade os seus proxectos, baleiros de realidades. No caso de As Pontes, xa ninguén dubida que isto é un feito, o salientable agora é un novo engano coa posible reapertura dalgún dos grupos da central. As mesmas declaracións dalgúns responsables políticos e sindicais fan un certo ilusionismo coas novidades no escenario enerxético. O mal xa está feito.

Tanto Endesa coma quen goberna seguen mantendo as súas decisións en materia enerxética. O que levan feito non vai ser obxecto dunha revisión das decisións xa tomadas. É unha nova crise, mais desta vez de abastecemento para os tempos que veñen, e de aí o do carbón e o das Pontes. Nada que ver co prezo deste mineral, senón coas posibilidades de que o Estado español non teña o gas necesario para garantir o abastecemento nos vindeiros meses da invernía.

O do carbón é unha prevención diante dun posible desabastecemento. Tanto é así, que posiblemente non miraremos de novo un incremento no transporte dende Ferrol-As Pontes. Todo o conxunto vai estar neste escenario preventivo dunha máis que posible falta de materias primas enerxéticas para garantir o funcionamento do sistema eléctrico español. Dito doutro xeito, se fai falla queimarase carbón nas Pontes, de acordo coas necesidades desta nova crise ou conxuntura. Todo o demais é fume contaminante.

En canto ás primarias no PSOE na federación galega, recomendaría de novo aos candidatos, Caballero e González Formoso, que non fuxan da súa responsabilidade. Son a terceira forza política por detrás do PP e do Bloque. Para que puidese producirse un cambio no Goberno galego, o PP tería que perder a súa maioría e os demais deberán sumar mais de 38 representantes. Se o señor Tezanos quixera botar unha man nestas primarias aos candidatos, explicaríalles aos do PSOE por que nas autonómicas o electorado merma moito respecto das municipais, para que non sigan autoenganándose co ilusionismo de ganarlle eles sós ao PP.

Vaise tratar este asunto? Ou volveremos á hipótese formulada por Touriño, na que calquera alternativa á gobernanza popular pasa por una entente liderada polos socialistas, ou, no suposto de que o BNG seguise a ser a segunda forza política, deixarán gobernar aos populares? Estes mundos sen conexión aparente, no contexto citado, son unha realidade.