Dime a amiga Lourdes: «Regi, vouche dicir unha cousa que igual che parece mal, pero estou moi cabreada: non podo entender que pida cita para o médico do meu home e tarden 15 días en darma, e logo que vaias alí e non ves case xente; as veces penso que os médicos están xogando cos teléfonos...».
Creo que o que pensa Lourdes pénsao moita xente, así que contéstolle e decido publicar o que lle digo:
1.- Que nunca, nos 40 anos que levo de médica de atención primaria, en centros de saúde, traballei tanto como no último ano; que durante moitos, moitos días atendín telefonicamente ou na consulta a máis de 40 persoas, ás veces máis de 50, e que en calquera caso escoitar os problemas, valorar a súa importancia e a actitude a seguir supón a mesma carga para a cabeza, se non máis; que, ademais dos problemas de saúde de todo tipo, atendemos aos covid que non foron hospitalizados, porque precisaban acompañamento, ou partes de baixa, ou decidir en qué momento derivalos se empeoraban, ou atender aos seus contactos.
2.- Que ante esta carga de traballo aumentada, a Administración sanitaria do Sergas non reforzouos cadros de persoal; pola contra, tanto ante xubilacións de compañeiros como baixas do persoal, non se cubriron as vacantes en meses, se é que chegaron a facelo.
3.- Que a pesar de que os xerentes sanitarios e o conselleiro publican nos medios de comunicación que faltan médicos, o certo é que tamén cada ano, este 2021 tamén, están deixando escapar desta área sanitaria a maior parte dos médicos de familia recentemente formados, por falta de contratos minimamente atractivos, o que si estaría nas mans dos administradores do Sergas cambiar.
4.- Que non somos os profesionais dos centros de saúde os que decidimos cando as listas de traballo pasaron de ser atención telefónica a un pouco presencial, ou cando van ser 60 % presenciais, porque iso é competencia dos políticos que gobernan a Consellería de Sanidade, que é a que decide por nós; iso si, cando as listas eran todo telefónicas, tiñamos liberdade de facer vir os casos que necesitabamos explorar, so faltaría!
A pandemia propiciou inicialmente evitar a aglomeración de pacientes nos centros de saúde, e colocou a atención telefónica no centro da actividade. Iso supuxo unha barreira de acceso para moita xente maior ou vulnerable, xente sola e con poucos apoios familiares, para quen falar coa maquinita, e menos pedir cita por Internet, non era un medio posible; so quedaba facer largas colas nos centros de saúde para que ao final o que conseguían era de novo unha cita telefónica! Eu tiven que estar de baixa laboral por unha fractura ao principio da pandemia, e cando me reincorporei levei a sorpresa de que a media de idade dos que pedían as citas era moito máis nova que a que tiña antes da pandemia: onde ían os meus crónicos? A maioría dos pacientes crónicos queren ver ao seu médico, e ademais é necesario que así sexa, por que non estaban nas axendas?
Entendo o enfado de Lourdes e de moita xente que non ve satisfeitas as súas necesidades de saúde. Soamente dicirlles que busquen responsabilidades onde hai que buscalas. O persoal dos centros de saúde (tamén enfermeiras, administrativos...) traballamos con gran sobrecarga, a veces con consecuencias para a nosa saúde física e mental; e non deixamos de manifestar o noso enfado pola falta de maiores presupostos para atención primaria, pola falta de persoal, co deterioro na calidade da atención, polas largas listas de espera, pola falta de continuidade da relación médico-paciente provocada por tanta mobilidade e falta de cobertura...
Esta loita será imposible de ganar sen a implicación dos usuarios, dos pacientes, dos cidadáns. A presión privatizadora sobre o sistema asistencial de saúde é moi forte, e alimentase de servizos públicos que non satisfán as necesidades das persoas; así crecen os seguros privados, os servizos asistenciais privados. Pero non hai que perder de vista que o modelo ao que nos diriximos deixará de lado as persoas con baixos recursos económicos e non servirá para defender o dereito universal á saúde.
Defender a sanidade pública depende de todas e todos.