De verdade alguén topou cun galego no medio dunha escaleira e este non sabía se subía ou baixaba? Vai sendo hora de desfacernos de tópicos absurdos. Pode que sexamos prudentes, retraídos, calados ou introvertidos. Pero se imos cara arriba subimos e se imos cara abaixo baixamos.
Os tópicos son típicos. Pero non teñen porque axeitarse á realidade. E esta, por sorte, acaba por impoñerse.
Ademais de todos os cualificativos que escribín antes, tamén deberiamos engadir que o pobo galego ten bo corazón. Non en van sabemos ben o que é sufrir, así coma os moitos sacrificios que tiveron que facer os nosos antepasados para alimentárense. Soportamos como puidemos as grandes ondas de emigración. Marchamos. Algúns quedaron e outros... viñeron. E os que regresaron sempre agradeceron a acollida que se lles deu noutros lugares. Por iso, quizais, aínda que non lles digamos aos demais se subimos ou baixamos á primeira, non queremos que se sintan como alleos.
Como gratitude de acollida, moitos negocios que se abriron cos cartiños aforrados neses países levan nomes como Parrillada Bos Aires, Ferraxería Canadá, Reloxería Brasil, Restaurante Zurich ou... Bar Andorra.
Non sei se a dona deste establecemento pontevedrés emigrou, pero o que si sei é que ten un corazón enorme. Hai un tempo chegaban ao seu bar varios compañeiros de traballo para comer. Un deles non tomaba nada, argumentando que estaba mal do estómago. Ao terceiro día, serviulle un prato de comida, sospeitando que a dor era económica. El quixo rexeitar o prato, pois nada pedira. Sería un erro? Podía ser. Pero a Carme o único que lle importaba é que ese mozo comese, por iso lle pediu que o fixera, pois nada lle ía cobrar.
Iso é saber ver nos ollos dos demais. Iso é estar cheo de humanidade. Iso non é tópico... iso foi a realidade.