De idade, deidades

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

01 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o ano 1990 as Nacións Unidas celebran, o 1 de outubro, o Día Internacional das Persoas de Idade. E no 2021 o lema que escolleron para lembrarnos cales son os seus obxectivos con respecto a esta grande maioría é «Equidade dixital para tódalas idades». E aínda que concordo coa idea de que «as persoas de idade (...) non se benefician plenamente das oportunidades que ofrece o progreso tecnolóxico», e que ademais hai unha «necesidade de que teñan acceso e unha participación significativa no mundo dixital», a verdade é que a escolla dese lema fíxome matinar non só sobre o complexo que é pensar nas persoas maiores coma un colectivo, senón tamén sobre o que supón sobrepoñer o progreso tecnolóxico a outras prioridades.

De súpeto volveume á cabeza a cantidade de veces que me frustrei coa máquina do banco porque non fun capaz de entenderme con ela. E as horas perdidas esperando a que unha voz humana responda ao teléfono para solucionar aquel problema daquel recibo que paguei en liña. E aínda que non formo parte dese grupo de «persoas de idade», a verdade é que non sempre entendo o chamado progreso tecnolóxico.

Na orixe deste día internacional está «alentar aos gobernos a que introduzan os principios a favor das persoas de idade». E eu pregúntome: cando esqueceron os gobernos eses principios? Para alcanzar a equidade dixital aínda queda moito, pero queda moito máis, e debería ser imperativo, alcanzar a equidade social: chegar a vellos con dignidade.

Si, «de idade», así falan as institucións, tamén usan «maiores». Pero para min, as vellas da miña familia non son «de idade», son deidades. E se consigo chegar aos setenta, a min que me chamen vella...