Netflix en galego, será posíbel?

Marcos Maceira Eiras PRESIDENTE DA MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

24 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Do total de 25.782 títulos de series ou filmes dispoñíbeis nos catálogos de plataformas audiovisuais como Netflix, HBO, Prime Video ou Disney+, só 25 (producións galegas) están en galego. Nada nas dúas ducias de miles restantes onde, porén, a oferta dobrada ou lexendada en español é completa, mesmo en diferentes variedades, e dispomos de linguas como danés, sueco ou coreano.

Por que o galego está excluído de forma tan evidente? Porque até o momento a lexislación xeral audiovisual só estabeleceu porcentaxes obrigatorias de contidos mínimos e financiamento en castelán sen indicar nada para o galego, impedindo así que a infancia, a mocidade e o conxunto do público goce na súa lingua da ampla oferta dispoñíbel de series e filmes. Mesmo as producións no noso idioma, que tanta relevancia están acadando, parten de inferioridade de condicións cun financiamento exclusivamente obrigatorio en castelán.

Porén, todo pode mudar de se introduciren mudanzas no anteproxecto da nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Só cómpre vontade política para darlle o mesmo tratamento a todas as linguas e recoñecer iguais dereitos e deberes, como xa fixo o Parlamento de Galiza ao aprobar por unanimidade a Iniciativa Xabarín que insta ao Goberno do Estado a incluír no anteproxecto de lei xeral do audiovisual o recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda.

Netflix, HBO, ou Disney en galego son posíbeis se o Goberno español incorpora o acordo do Parlamento galego no proxecto de lei xeral do audiovisual e estabelece idénticas condicións. É da máxima relevancia para o futuro da lingua galega e imaxe de Galiza. Xogámonos a accesibilidade ao noso propio idioma nas producións foráneas mais tamén que o noso sector audiovisual, de recoñecido prestixio e calidade, conte con financiamento en condicións de igualdade.