Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

É isto a normalidade?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

19 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, a regresar dun paseo tardío, atopeime na porta que dá ao mar a unha familia. A nena duns dez ou once anos, con máscara e os pais sen ela , moi cargados de bolsas, o pai rebuscaba os seus petos e queixábase: «Dádesme todo a min e agora non atopo a chave». Ao fin atopouna e abriu a porta. Nese momento a nena dixo: «As máscaras». Soou como unha orde. A parella deixou os vultos no chan e puxéronas. Eu esperei no xardín porque pensei que collerían o ascensor, pero eles quedaron na planta baixa, na primeira vivenda. No edificio é obrigatorio o uso das máscaras; pero eles puxéronas para dar menos de dez pasos! Pensei que a pandemia está a formar unha xeración de nenos respectuosos coas normas, pero tamén inflexibles no seu cumprimento e, probablemente, desconfiados e medorentos do contacto persoal.

Os adultos tamén cambiamos: acabáronse aqueles reencontros de abrazos con amigos, as reunións de oito persoas apretuxadas nunha mesa pequena, as palmadas, o collerse do brazo ou polo ombreiro, os bicos interminables de avós e netos… As mostras físicas de afecto reducíronse á familia máis próxima: a parella, os fillos. A pandemia creou pequenos illotes de agarimo, de calor humana, rodeados dun océano frío e desapracibel.

Hai anos eu diría «así non vale a pena vivir»… pero aquí sigo. A miña avoa adoitaba dicir: «líbrenos Deus do que podemos aguantar».