Cara á normalidade

Julio Abalde REITOR DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

06 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Universidade da Coruña ten a honra de acoller a apertura conxunta do curso 2021-2022 do sistema universitario galego.

A comunidade universitaria galega enfronta o próximo curso coa mesma ilusión, compromiso e responsabilidade que todos os cursos, mais nesta ocasión non é meramente retórica.

O curso que acabamos de finalizar non foi fácil nos campus, como non o foi para o resto da sociedade, foi atípico e complexo. Moi complexo.

En marzo do 2020, da noite para a mañá tivemos que renunciar á presencialidade nas aulas, habilitar nunha fin de semana formatos para docencia a distancia e garantir o acceso de todo o alumnado aos medios tecnolóxicos precisos para continuar a súa formación en igualdade de condicións. Foi un exercicio de responsabilidade e corresponsabilidade, coido que exemplar, por parte do alumnado, do profesorado e do persoal de administración e servizos.

Do mesmo xeito, cómpre salientar a contribución fundamental dos nosos investigadores e investigadoras que, desde os distintos ámbitos do coñecemento nos que traballan, puxeron e poñen o seu coñecemento e experiencia ao servizo da sociedade para enfrontarmos as consecuencias da pandemia e para procurar distintas solucións e alternativas urxentes e innovadoras.

Comezamos o próximo curso sen que a pandemia se poida dar aínda por superada. Mais a situación é moi distinta á do ano pasado e farémolo coa máxima presencialidade e con vontade de achegarnos o máis posible á normalidade da vida nos campus. A responsabilidade de toda a comunidade universitaria, profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos, no cumprimento dos protocolos para nos adaptar ás circunstancias, os niveis acadados de vacinación e a aplicación das instrucións das autoridades sanitarias en cada momento son garante de que a ansiada presencialidade será posible.

O sistema universitario galego comeza o curso 2021-2022 co compromiso de seguir traballando pola calidade na docencia e na investigación, que é a misión que temos encomendada pola sociedade.

Estou seguro que estaremos á altura.