Reflexionar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

Habería que reflexionar. Sobre moitas cousas. Pero tamén sobre a propia reflexión.

Explícome. É un tanto sorprendente a lea que suscitou que unha cabeza de partido, que fixo medrar e mellorar ao mesmo nos seus resultados, diga que vai meditar sobre o seu futuro. O que debera facer saltar as alarmas tería que ser que se agarrase ao poder sen máis, perpetuarse no seu posto, no máis alto, sen sequera meditar.

Así que non estaría de máis botarlle unha pensada a este asunto. A deriva política que levamos condúcenos a esta rutina. O importante parece que é, simplemente, chegar ao posto. Logo, o futuro consiste en manterse, sen máis. Ata que alguén nos arrinque da gorentosa posición, para facerse con ela.

E iso, para a sociedade, non é nada bo. Pero tampouco para os propios líderes. Como persoas todos deberiamos medrar, sentirnos cunha misión nova cada día, con ilusión renovada, con ganas... e forzas. É a mellor maneira de desenvolver a nosa misión. Non esquezamos que os políticos son traballadores. E traballan, segundo a teoría, para todos nós.

Que sorprenda que un cabeza de partido medite sobre o seu futuro, aínda que o labor realizado ata o momento sexa valorado de maneira positiva, é preocupante. Que Ana Pontón sitúe este tema nos faladoiros é tamén un logro para ela. Oxalá nos faga espertar a todos e nos lembre que a política é, ante todo, responsabilidade. Tamén que nós, receptores, debemos esixilo.

Non está nada perdido. Nunca é tarde para reconducírmonos. Reflexionemos.