Acaba de publicarse un estudo da USC no que se indica que ao Camiño de Santiago aínda lle queda moito por saturarse. En xeral, iso parece aplicable a toda Galicia. Somos un paraíso, tamén para o turismo. Mais xa non tanto. Hai uns días andei polo sur da comunidade e... hai cola para mercar o pan, entrar nunha óptica, comer en calquera restaurante e ata para chegar á beira do mar. Iso de plantar a toalla ás sete da mañá e marcar a parcela a ocupar o resto da xornada, como se delimitaramos unha leira co marcos, está a piques de chegar.
Na praia das Catedrais armouse unha lea considerable porque se puxo de moda facer estruturas con pedras. Nas pozas residuais da canteira do Monte Neme xa paparon máis dun susto por arriscarse a facer unha fotografía que conseguiría certa sona nas redes sociais, poñendo en perigo a propia saúde. Hai certos bancos que, tan só por poñerlles a etiqueta de «máis bonito do mundo», atraen miles e miles de persoas.
Vivimos coma un rabaño. Sen necesidade, porque en Galicia campo, mar, praias, paraxes naturais e lugares fermosos... temos a dar cun pé. E, para min, os máis bonitos do mundo son uns, seguramente próximos a onde vivo. Mentres que para o que viva a 200 quilómetros igual son outros. Non temos que facer todos o mesmo, porque non temos gustos idénticos.
Resulta curioso que, coa cantidade de espazo que posuímos, acabemos aglomerándonos. Máis incluso agora, que deberiamos manter distancias. Igual xa esquecemos a covid. Pois o virus non marchou de vacacións!