Agosto

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ALKIS KONSTANTINIDIS | Reuters

19 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Agosto é un mes melancólico. É tempo de despedidas, de final de vacacións, de porta do outono. En agosto o Sol perde forza e, cando recuperamos os abrigos de inverno, preguntámonos onde se agocharon as horas todo este tempo, a onde foron... se non van volver ata o próximo ano. É, está claro, o mes do recollemento.

Nunca me apeteceu que acabase agosto. Pretendía estiralo máis alá dos días que lle corresponden. Aledábame, iso si, pensar que con el marcharían tamén os incendios forestais. Porque, inevitablemente, tardase o que tardase en chegar o verán, con el viñan tamén os lumes arrasando os montes.

Este ano súmolle algo máis: os contaxios de covid. Quizais a fin de mes nos peche nas casas, nos recolla, nos reduza as saídas sociais e a transmisión de virus. Xamais pensei que neste mes estariamos nesta tesitura. Se xa habitualmente sinto que o tempo se me escorrega entre os dedos, que fuxe sen que o faga render o que debe, este ano e medio acentuou esta sensación intensamente.

Onde foi este tempo que non nos pertenceu realmente? Sinceramente, non o sei. Pero o que podo asegurar é que non ha volver. Xamais. Mellor nos iría se termásemos da nosa memoria e gravásemos a lume o pasado máis recente.

Oxalá agosto sirva tamén para pregar outras velas, as da violencia, en xeral. As discusións, a intransixencia, as agresións. Que a melancolía mingüe as forzas nisto. Que diminúa a intensidade do individualismo, que axude a baixar revolucións. Que agosto sexa a calma que amaine tanta axitación.