Demostrar o indemostrable

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CESAR QUIAN

16 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Corremos un gran risco ao pensar que a xustiza debera parecerse ás matemáticas. Quizais pensemos que sexa o máis sinxelo asimilar dúas e dúas, catro a comisión de falta, aplicación de pena. 

Mais, está claro, que as leis da xustiza non funcionan como as das matemáticas. E a cuestión está nas demostracións. É imposible probar que, na contabilidade (B) do PP as anotacións de M. Rajoy correspondan a Mariano Rajoy. Porque pode ser Manuel, Miguel, María... ou simplemente ser unha farsa. Se iso é indemostrable... como asegurar que o crime de Samuel Luiz sexa homófobo porque berrasen en plena agresión «puto maricón!»?

Hai que demostralo. E as demostracións, ás veces... tardan moito en conseguirse. Se é que chegan! Lembren que a hipótese de Riemann aínda non foi resolta, e esta si é unha cuestión matemática. Así que... mal vai a cousa.

Por se fose pouco, neste crime, os acusados dan versións contraditorias, complicando aínda máis a investigación, que pode eternizarse. O maior problema, con todo, non é ese, é que Samuel xa non está, porque o asasinaron.

A deriva da nosa sociedade é realmente preocupante.

Hai un ano, a un mozo en Nigrán tamén o deixaron gravemente ferido. O día antes de Reis, Enric é moído a paus por un grupo de rapaces mentres gravan a agresión para subilo ás redes. Puido contalo, non coma Isaac, a quen asasinaron a coiteladas hai apenas un mes.

As vítimas saían do canon imposto como normalidade. Berremos: basta!

Deberiamos esforzarnos en demostrar que temos humanidade.