A muller nas áreas técnicas

Rogelio Carballo PRESIDENTE DA CONFEDERACIÓN GALEGA DE ANPAS DE CENTROS PÚBLICOS

OPINIÓN

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na ciencia da medicina é ben sabido que todo tratamento dunha enfermidade baséase nun bo diagnóstico. O mal a tratar, neste caso, é a crónica desigualdade do sexo feminino nas profesións relacionadas coas áreas de coñecemento no campo STEM. É dicir, as ciencias (science), tecnoloxía (technology), enxeñería (engineering) e matemáticas (maths). Un campo amplísimo que abarca unha morea de titulacións e especializacións, con diferentes e heteroxéneas realidades laborais e empresariais. 

Para mellorar a presenza das mulleres no campo STEM, o Ministerio de Educación, no borrador de decreto de currículo escolar, pretende darlle ás asignaturas relacionadas unha perspectiva de xénero, sen especificar a que se refire con esta definición. A contidos? A metodoloxías? A criterios de avaliación?

Realmente existe unha menor representación das mulleres no ámbito STEM? O último informe de cifras e datos 2020-21 do sistema universitario a nivel estatal ten estatísticas por sexo e áreas de coñecemento que merece a pena subliñar. As mulleres son maioría: un 55,6 % no total do alumnado universitario. En Ciencias Sociais e Xurídicas son un 60,1 %; e en Artes e Humanidades, un 61,9 %.

Respecto ás áreas STEM, no campo das Enxeñerías e Arquitectura, as mulleres tan só acadan un 25,1 % do alumnado. No sentido contrario, en Ciencias da Saúde son una maioría dun 70,8 %. E se atendemos estritamente ao campo das Ciencias (Física, Química, Matemáticas e Bioloxía) as mulleres son un 50,7 %.

Vistos os datos, non parece que as mulleres teñan un problema coas áreas STEM en xeral. Teñen un problema coa área E, a das Enxeñerías e Arquitecturas. E aquí, quizais compre botar unha ollada non á cuestións de xénero, senón ás condicións laborais e empresariais para as que estas titulacións están enfocadas. Ámbitos caracterizados maioritariamente polo profesional autónomo ou por persoal contratado cun alto nivel de mobilidade, nula estabilidade laboral, e unha depreciación salarial que fai que estas profesións sexan cada vez menos atractivas, non só para as mulleres senón para calquera con sentido común. A crise de matrícula de enxeñerías e arquitecturas dende o 2008 está á vista de calquera que queira botar unha ollada aos datos nas universidades galegas. Semella que as mulleres son, simplemente, máis intelixentes alonxándose o máis posible destas profesións con alto custe persoal.

Gustaríanos que antes de introducir medidas baseadas en diagnósticos cando menos discutibles á vista dos datos, a nosa clase política puxera remedio aos auténticos cancros do sistema educativo público. A súa nula adaptación a un século XXI da información e da economía do coñecemento. A fenda dixital das familias, e moito máis grave, dun profesorado que non ten obrigas de actualización profesional nin interese persoal por facelo. A infinita hipocrisía de lexislar sobre inclusión que nunca se leva a cabo e deixa abandonados a moreas de rapaces e desmotivados a todo o alumnado. A dependencia dos recursos das editoriais que nos encadean permanentemente aos libros de texto. A un currículo escolar inabarcable herdado das necesidades educativas da Revolución Industrial.

Non perdemos a esperanza.