O mundo que ven

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

14 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Cumio do Clima de París 2015 concluíu cunha foto moi alentadora. Logo, Trump e os seus adláteres actuaron do mesmo xeito que están a facer agora coa pandemia e o mundo perdeu un tempo precioso. Nisto incide o recente informe do grupo intergobernamental de expertos vinculado á ONU, que se completará o ano próximo. Polo que puiden ler, este ditame é, no fondo, positivo na medida en que marca una liña vermella definitiva e impón un cambio na actividade humana e, por conseguinte, no modelo produtivo, nos sistemas enerxéticos, na ocupación do territorio. Xa non cabe a insolidaridad entre países.

O deterioro do clima vai ser máis grave para os países pobres. O seu porvir parece estar escrito: millóns de personas teñen que aglomerarse nas megacidades fuxindo da fame, da guerra, da expropiación desalmada dos seus recursos. É un imperativo reverter esa predestinación, superar eses factores para xerar economías de permanencia no lugar cos servizos esenciais. Obxectivo de enorme dificultade nun escenario de confrontación soterrada de bloques políticos e económicos, que transfiren a terceiros a violencia e a corrupción derivadas dos seus intereses, compartindo, iso si, o desprezo pola vida. Nos países desenvolvidos, o progreso inducido polo estado de benestar deixa secuelas como a desconsideración cara ao territorio e a degradación do ambiente, esquecendo que a natureza ten memoria e é implacable, pero, co tempo, vannas ir resolvendo.

O quentamento global compromete a toda a sociedade e esixe a democratización e a posta en común dos recursos da ciencia e a tecnoloxía, a política, o mercado e o planeamento. As profesións tamén deben evolucionar. Os arquitectos, en concreto, terán que acompasar o exercicio da ars aedificatoria co entendemento das dinámicas sociais, pensando a cidade máis como urbanólogos ca como urbanistas, e modularen o seu enfoque desde a visión integral á escala 1:1. A arquitectura non se reduce a una adición de edificios, está inserta nun lugar civilizatorio chamado rúa, na cidade, na metrópole, como un conxunto de matrioskas que hai que saber descifrar como analistas da sociedade. Os fondos europeos para a recuperación van más dedicados á cidade construida cá súa expansión. Cumpre moito criterio para aplicalos, porque con eles xogámonos o futuro ambiental.

O mundo que vén será mellor ca o actual porque, a diferenza de nós, a próxima xeración está impregnada da conciencia ambiental.