Beleza interior

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Carlos Rueda

13 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Fíxoseme tarde, e non me gusta conducir de noite, pero nestas noites de verán o ceo está máis bonito ca nunca. Ou polo menos iso pensei eu cando, conducindo no medio do rural ourensán, vía ese fío luminoso da lúa crecente e tódalas estrelas posibles que brillaban ao seu redor. «Beleza infinita», murmurei. Pero de súpeto collín medo (pásame ás veces cando conduzo de noite), e decidín acender a radio para ver se así conseguía afastar eses pensamentos que non sempre dou controlado. E nese momento, nunha entrevista de Lara Hermoso para a RNE, falaba a escritora e profesora Anna Caballé sobre a beleza moral, sobre a capacidade de aprender da dor, sobre a posibilidade de embelecer o noso interior e sobre Concepción Arenal.

Entón quedei matinando sobre o difícil que é hoxe atopar o silencio necesario para nutrir a beleza interior. E tiven que apagar a radio porque nese momento veume unha idea marabillosa para unha columna. Mesmo me veu a frase perfecta acerca de aprender dos erros, de aprender a crecer, de aprender onde está a beleza. Mais non son das que poden facer dúas cousas á vez cando conducen, así que fun repetindo a frase na miña cabeza, coa esperanza de non esquecela e poder anotala ao chegar a casa. Seguín conducindo, pero nesoutro cruce escuro o medo absurdo volveu a aparecer, así que acendín a radio de novo. A entrevista xa rematara, mais a radio cumpriu a súa función: acompañada e entretida cheguei ben a casa.

Non recuperei a frase máxica, a que daría pé a unha columna fermosa. Pero a idea aínda está aí, buscando como saír. Só necesito un pouco de silencio (social e mental) para ver se a logro nutrir: a frase e a beleza interior.