Que difícil ser de esquerdas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

JUANJO MARTIN

28 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A aqueles que teñen ideas de esquerdas estáselles facendo complicado declararse como tales.

A política de esquerdas é a que, por base, cre na separación de poderes e, ademais, defende a igualdade social fronte á diferenciación en xerarquías.

A clase media existe, en parte, e ampárase nunha política progresista que a protexa. O xerme desta foi a clase traballadora, que se esforzou e sacrificou porque as seguintes xeracións puidesen ter un porvir mellor e puidesen acceder, por méritos, ás mesmas condicións que aqueles que posuían privilexios en función do berce no que naceran.

Pero todo isto agora semella que cambiou. A esquerda é dadivosa, si, pero xa non cos traballadores. Ocupa o seu tempo e traballo a concesión de indultos para os que non se arrepinten dos delitos cometidos e ameazan con volver repetilos.

Amais diso, converten a interinos en funcionarios, saltando sen pudor o proceso de oposición, que garante (en certo modo) a igualdade de oportunidades.

E todo isto, dentro dunha lea de teóricos aliados da esquerda no poder. Cada ministerio semella un feudo diferente. E de feudos, precisamente, fuxía a política de esquerdas. Pero non hai comunicación, nin dirección nun mesmo sentido, nin imaxe de unidade.

E así, manterse como militante da política de esquerdas, cando cada vez se parece máis á dereita, é complicado.

Ás veces non é malo parar, deterse, mirar cara atrás, buscar a orixe e coller o camiño desde o principio. Progresar si, pero con xeito, e sen traizoar os ideais.