Librémonos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

XOSE CASTRO

22 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dixen, e repito a tres días do 25 de xullo, que Galicia debe salvarse de si mesma para salvarse. Isto non é unha figura literaria. Somos o noso peor inimigo. Nós contra nós. E non me retracto. Estes convencementos son difíciles de arrancar da cova das ideas, ese lugar onde as sombras de Platón compiten coas da Santa Compaña. Algunha vez afirmei que o grande reto de Galicia reside en librarse do suicidio. Hoxe, insisto. A cuestión ontolóxica non repousa en negarnos, aniquilarnos, polo feito de opinar distinto. Algúns seguen sentíndose posuidores do ADN cultural galego. Se non pertences á tribo do politicamente correcto: eliminado. A nós (a min) sempre nos tocou pelexar contra as adversidades. E por esa verea andamos. Escribir é un acto de fe. O prestixio das literaturas debe radicar na calidade dos seus textos, non na adscrición ideolóxica dos autores. As actitudes deben ser edificadoras: tender ao diálogo permanente para levantar esa Galicia soñada. Só así negaremos a maldición de Sísifo: subir a pedra ata a montaña para nada, para baixar de novo, e subir, e perecer. Temos unha magnífica Lei de Normalización Lingüística: unha conquista. Temos a autoidentificación sentida e perdurable. Temos un «humus» cultural digno de eloxio. Pero a intolerancia está facendo dano á cultura galega. A Galicia. Amo a variedade e o pensamento libre. Digo que existimos tamén os que non admitimos un só credo e unha soa verdade cultural: sesgada e sectaria. Hei de seguir proclamando esta certeza. Con entusiasmo. Aínda que sexamos imperfectos, aínda que nos doa a pel mil veces, aínda que mil veces nos venzan as iras de impotencia que choramos. Librémonos do suicidio. Librémonos.