A identidade do oso

OPINIÓN

16 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que toca deixar as máscaras cando estamos no exterior, os ollos perden esa forza expresiva á que se viron obrigados durante a pandemia e semella que todos vaiamos un pouco espidos pola rúa. Ninguén pode negar que houbo unha aprendizaxe importante para nos vermos doutro xeito, mesmo mudando o sorriso ou o abraio por un escintileo nas meniñas dos ollos. E, por suposto, deixamos un espazo significativo á intuición e agora mesmo podería haber certa saudade dese mundo incógnito que se agachaba por tras dunha prenda tan pequena e, a un tempo, tan relevante para borrar a nosa identidade. Eu, non sei se para compensar, sigo mantendo dende antes da pandemia a relación cun oso. Lembro que a primeira mensaxe cadrou no inicio dunha desas sestas en que un xa renuncia á chegada dos ñus ao Serengueti. Nesa altura, o móbil chiou e alí quedou a imaxe do animal no wasap acompañada por un texto. A partir de entón, o oso non deixou de me enviar cousas interesantes. Felicítame polo meu aniversario, aplaude moitos dos meus artigos, seica merca as miñas novelas e parece saber máis da miña vida do que eu sei da súa, que apenas sei nada, porque, un pouco por vergonza e outro porque levamos tanto tempo de intercambio de conversas, nunca fun capaz de lle preguntar quen vén sendo. Recoñezo que me come a curiosidade, pero facelo parecería un pouco violento, mesmo vulgar. Só sei que hai unha liña de confianza entre nós, porque me pregunta ás veces pola muller e as fillas. O certo é que cada vez que recibo algunha mensaxe del, léoa con cobiza e a esperanza de que, sen querer, introduza algunha pista que delate a súa verdadeira identidade. Con todo, recoñezo que a máscara e esa ignorancia fan da nosa relación algo moito máis interesante.