Influenciables

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Cabalar | Efe

15 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Canto somos de influenciables? Canta personalidade temos? Canto pesa unha mentira? Son días convulsos por múltiples razóns. Os medios deben pelexar por un oco, pero... ata que punto domina a loita de mercado? O asasinato de Samuel Luiz está ofrecendo e demandando información na sociedade. Tamén axuda a retratar os valores que moven o mundo. Alén de facer cábalas de quen ou como son os agresores, de querer enmarcalos nun ou noutro grupo, unha nova superou todas as tolemias ao insinuar que o principal agresor actuara cegado pola súa moza.

Ata onde podemos chegar? De verdade que non hai ningún tipo de límite? Pois parece que non, a verdade. Porque ás poucas horas veño de asombrarme coas auténticas burradas que un mozo fai na súa canle cibernética seguida por máis dun cuarto de millón de persoas. Inmensa masa de xente! E saben que lles di aos seus seareiros? Que practica o sexo de risco amparado na mentira. Asegura ás súas parellas ser estéril ou terse operado para evitar os embarazos cando non é certo. E así, con ese descaro, mantiña os actos sexuais ata as últimas consecuencias e contaba o embuste a cámara cun sorriso.

O que máis me asusta é a cantidade de copias que lle sairán ao seu exemplo. Que fácil é, ás veces, inocular crenzas sostidas pola mentira, o odio, a maldade. E que difícil combatelas coa rigorosidade, a ética, o respecto.