O galego: unha lingua de carácter universal

Camilo Nogueira INTELECTUAL, INXEÑEIRO INDUSTRIAL, LICENCIADO EN ECONÓMICAS Y EN CIENCIA POLÍTICA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

12 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Configurada no noroeste peninsular á altura do ano 600 sobre a base do latín, a lingua galega nos textos máis antigos conservados permite dar conta de como virara nun sistema complexo, funcional e produtivo constituíndo o camiño para chegar a tal cousa (Henrique Monteagudo). Integraría a Galiza Maior (Joseph M. Piel) o espazo das actuais Asturias, un sector de entre Douro e Miño, tocando Vila Real, indo acabar no curso do río Vouga (Carlos Filipe Nogueira).

 

Tendo considerado os límites da provincia de Gallaecia do Baixo Imperio, os límites do Reino de Galiza produciríanse no século XI. Xa en 1300 as crónicas manifestaríanse tanto pola lingua como pola produción literaria escrita. O alto grao de madurez conseguido faríase visíbel á altura de 1600. Seguindo a Fernando Venâncio, «o noso idioma foi desde o seu inicio unha creación galega»: o resultado «dunha creación propia». «O portugués sería unha forma de falar dentro do galego».

A partir da emerxencia do actual Portugal e gobernado o territorio galego do norte do Miño polo Estado español, malia ser mantida durante séculos polos galegos e as galegas, a lingua sería negada no uso polas entidades políticas, económicas, eclesiásticas ou escolares. Aínda sendo coñecedoras das dúas linguas -o galego e o castelán- as clases galegas gobernantes na Corte non asumían o ser e os intereses de Galiza.