Berrar baixiño

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Alejandro Martínez Vélez

07 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que saber berrar forte, pero tamén baixiño. Ás veces, entre tanta voz, o que manda é o silencio. E eu quedo co baleiro total que se me produce dentro cando vexo en distintas cidades as manifestacións contra o asasinato de Samuel. Eses que tanto ruído fan, negando que vivimos un problema de homofobia, de violencia de xénero, non se escoitan, non se ven. Porque son diminutos, coma microbios. Non é que non fagan falta as palabras contundentes, nin o rexeitamento enérxico. Quizais é que nos falta a voz, crebada pola impotencia e incredulidade de que teñamos que seguir vivindo estas atrocidades.

O pai de Samuel berrou baixiño, case en silencio. Primeiro deu as grazas aos sanitarios que o atenderon. Logo, pediu que se levasen paquetes de comida á Cruz Vermella, algo que tería feito feliz ao seu rapaz. Solicitou poder axudar. Todo pola memoria do seu fillo, asasinado logo de ser insultado con connotacións sexuais. Tamén pediu que simplemente rexeitemos a violencia, sen ampararnos en ningún tipo de bandeira ou símbolo alén disto. Que os idearios se manteñan á marxe. Vaia lección, non me digan! Unha cousa é gritar e outra facer ruído. Estas declaracións son o berro máis ferinte que poidamos escoitar. Sen esaxeracións, sen mentiras, sen segundas intencións. Estaría ben deixar de negar a realidade. Mellor é centrármonos nos problemas desta sociedade. Porque imos mal. Ao touro hai que collelo polos cornos, ou pode darnos unha turrada e acabar en traxedia.