Dor crónica

Servando López Álvarez PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN GALEGA DE ANESTESIOLOXIA, REANIMACIÓN E DOR

OPINIÓN

HOSPITAL UNIVERSITARIO DE TORREJ

30 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Anestesioloxía é unha especialidade pouco coñecida pola cidadanía. Os cambios producidos na última década situáronnos como líderes na garantía dunha cirurxía segura e tamén nos coidados críticos. Este último papel viuse reforzado durante a pandemia, pero abarcamos outras áreas de traballo menos coñecidas. Participamos en todo o proceso operativo de transplantes de órganos sólidos e lideramos os equipos multidisciplinares que tratan a dor aguda e crónica.

A dor crónica é un importante problema de saúde pública, en aumento polo cada vez maior número de persoas maiores. Afecta a un 20 % da poboación e consume moitos recursos económicos: ata un 2,5 % do PIB, o que representa en torno aos 16.000 millóns de euros ao ano.

O noso papel neses equipos multidisciplinares é avaliar cadros de difícil control da dor e determinar cales son os tratamentos mais acaídos; o obxectivo, eliminar ou minimizar o impacto da dor para lograr unha boa calidade de vida.

As causas que producen dor crónica son múltiples e moi complexas, pero tamén hai unha gran variabilidade na resposta dos pacientes aos estímulos nociceptivos e as terapias analxésicas. Os profesionais de atención primaria, base fundamental do sistema público de saúde, son os primeiros en reaccionar ante os problemas de dor crónica. Realizan un traballo dun valor incalculable con recursos insuficientes e pouco recoñecemento. É necesario reforzar os seus medios, pois constitúen a porta de entrada ao sistema; debemos mellorar a súa coordinación coa atención especializada.

Ante un problema tan complexo como o da dor crónica é necesario mellorar a organización asistencial facilitando a derivación áxil desde atención primaria a unidades que realicen unha avaliación multidisciplinar para facilitar a resolución do problema. Son necesarios protocolos claros para evitar duplicidades e repeticións de consultas, así como diminuír a variabilidade por patoloxías semellantes. As medidas farmacolóxicas deben ir acompañadas dun soporte por parte de rehabilitación e fisioterapia e tamén de apoio psicolóxico. Cando a combinación de fármacos analxésicos e o tratamento rehabilitador non é suficiente cómpre derivar o paciente ás unidades de dor.

As unidades de dor adscritas aos servizos de anestesioloxía, deben ser o último chanzo para a atención da dor crónica. Nelas participan médicos de diferentes especialidades, psicólogos, enfermaría e fisioterapia. O obxectivo é dar resposta a cadros de dor crónica (que non responden aos tratamentos convencionais) mediante o equipo multidisciplinar que traballa nas mesmas. Tras unha adecuada avaliación e diagnóstico da causa que produce esa dor crónica, os anestesiólogos somos quen realizamos diferentes técnicas intervencionistas, cada vez mais complexas (bloqueos epidurais ou facetarios, infiltración, colocación de estimuladores, etcétera).

Cando fracasan as terapias farmacolóxicas aplicadas e o tratamento intervencionista, hai un último recurso: a utilización crónica de fármacos opioides. Agora ben, en ningún caso deben ser fármacos de primeira elección. Os opiodes son fármacos que teñen beneficios en pacientes con dor crónica, pero os profesionais sanitarios debemos garantir o seu uso seguro e implementar as prácticas seguras para minimizar os posibles efectos adversos, adaptándose sempre ás necesidades do paciente.

Articular unha resposta sanitaria de calidade a un problema tan común esixe motivación dos profesionais, recursos adecuados e estruturas organizativas operativas. Os homes e mulleres de anestesioloxía estamos comprometidos na atención da dor tanto aguda como crónica, avogamos por potenciar as unidades de dor e mellorar a coordinación cos diferentes niveis asistenciais.