O esforzo non mediático

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

23 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sinto reticencia por certos casos que se volven mediáticos. Máis ca nada, en asuntos delicados, onde a vida ou o futuro das persoas están en xogo. Faime pensar se seremos todos iguais ante os poderes, as oportunidades...

Agora mesmo estou pensando en Lucas, un rapaz con moitas dificultades de saúde que logrou facer as probas da selectividade canda os seus compañeiros, pero na casa.

Isto foi o broche final a un curso complexo, no que non se aseguraron as condicións para unha escolarización segura, polo que preparou as materias fóra do centro escolar. Conseguiu unha profesora de apoio, cunha formación que non correspondía ao seu nivel. Con todo, a familia agradece que suplise os atrancos coa boa vontade, así coma outra profesora que se achegaba un par de días á semana para axudar e reforzar o contido dalgunha materia. Lucas tivo axuda desde a Administración, pero o seu entorno asegura que o que o salvou foi a calidade humana e desinteresada deses profesores que tanto se implicaron na súa causa.

Estou encantada de que puidese seguir adiante coa formación e conseguir medios aínda sen ser un caso mediático. Esforzouse desde o anonimato, algo que para min sempre é loable. Por outra banda, os seus logros dependeron en boa parte da vontade dos profesores. E iso... non debera ser. Temos que sentirnos protexidos, apoiados e amparados polas institucións e administracións, alén de que consigamos a atención social a través dos medios de comunicación ou non. Sen que sexa necesario berrar.