Accesos á universidade

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

NACHO GALLEGO | Efe

13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro a meu pai e a meu avó paseando pola alameda de Pontevedra mentres eu me examinaba de ingreso no instituto. Unha conta de dividir, un ditado e unha pregunta de xeografía que non recordo. A conta era de catro cifras. O ditado, un anaco de El Quijote. O meu pai e o meu avó paseaban os nervios e a responsabilidade de ver o fillo nas portas do que era un paso certamente importante na promoción familiar, algo que andando o tempo o meu avó me recordaría con moita seriedade, cando aprobei a reválida de cuarto (bacharelato elemental): «A partir de agora xa podes usar tratamento de don», díxome. Tiña eu trece ou catorce anos.

Logo veu a reválida de sexto. Matemáticas e física e química para os de ciencias. Latín e grego para os de letras. Así acadamos o título de bacharelato superior. Co bacharelato elemental podías cursar estudos de Maxisterio e algunhas outras «carreiras medias» (dicían así), aínda que moitos compañeiros preferiron preparar oposicións para a caixa de aforros e similares. Estou a falar da Pontevedra dos primeiros anos 60. Para examinar das reválidas viñan profesores de Santiago e os alumnos (no meu bacharelato non había clases mixtas) distribuíron en pupitres, con moita cerimonia, ao longo dos corredores do edificio.

Pasada a reválida de sexto entrabamos no Curso Preuniversitario, e os que aprobaban ían examinarse a Compostela. Outro salto cualitativo que había determinar a elección dunha carreira universitaria. Por aquelas datas eu decidira pasarme de ciencias, que era o consello da familia porque disque «tiña máis saídas», a letras, que en opinión dalgún parente era unha carreira «de curas e mulleres». Botei o verán traballando o latín (a Eneida) e o grego (a IIiada) para examinarme en setembro. Aínda non sei como dei pasado. Pero aquí estou. De Compostela lembro sobre todo a campá da catedral dando as horas e os cuartos toda a noite, que non nos deixou durmir, nunha pensión preto da universidade. En total, entre o exame de ingreso e a selectividade de PREU, catro reválidas.