O amor non debe doer

Rubén Villar Trenco DECOTÍO

OPINIÓN

María Pedreda

09 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

 A literatura e o audiovisual, as principais fontes de ficción, teñen nos celos unhas das motivacións máis potentes para que os personaxes vaian construíndo tramas intensas e emocionantes que deron lugar a grandes obras da nosa cultura. Unha potente emoción que a Real Academia Galega define como «sentimento doloroso experimentado por alguén ao saber ou ao pensar que a persoa que ama sente amor por outra ou ao ver que o preferido é outro».

Dende a psicoloxía desprendémonos da envoltura romántica cultural e entendémola como unha emoción complexa, composta por polo menos tres emocións básicas: a ira, a tristeza e o medo. Manifestaranse segundo a emoción básica dominante en cada caso e coa capacidade de control que posúa o individuo sobre ela. Que quere dicir isto?

Se predomina a ira, os celos poderían manifestarse de modo explosivo con accións de agresividade, incluídos ataques ou ofensas verbais cara á persoa coa que se mantén a relación ou cara á «terceira persoa». No caso de que domine a tristeza, veríamos accións como o pranto, o retraemento ou a inacción, e non sería raro caer en condutas que busquen reducir este estado afectivo desagradable, como o consumo de alcohol ou drogas. Cando o medo á perda é a emoción máis potente danse comportamentos que tenden a restablecer a relación, como, por exemplo, as coñecidas promesas de cambio.

Os celos poderían considerarse como un tipo de inseguridade ansiosa, consecuencia da percepción de ameaza de perda dunha relación significativa para quen os experimenta, que fai que a persoa se sinta insegura tanto sobre a súa relación como sobre si mesma.

Na literatura científica apúntase a que os individuos que maltratan a súa parella son máis posesivos e celosos que os que non teñen estes comportamentos. Outros traballos sinalan que a violencia xustificada polos celos non é percibida dun xeito tan negativo como por outros motivos. Isto explícase a que os celos son considerados, erroneamente, como unha expresión de amor e compromiso coa relación, un dos mitos do amor romántico máis estendido, que interiorizamos tamén a través desa literatura (incluídos contos infantís), das películas, das series… Está na nosa cultura e na nosa educación: confundimos amor con control, pero a proba está en que o amor non doe, pero os celos si.

Tense comprobado que os celos se relacionan coa utilización de estratexias violentas de resolución de conflitos na parella, de maneira que a maior nivel de celos máis tendencia hai a utilizar estratexias violentas. Ata 1963, un home podía asasinar á súa muller se era adúltera, unha vinganza de sangue que permitía reparar a deshonra para o sexo masculino.

Tras unhas semanas cun goteo continúo de mulleres asasinadas, debemos insistir na necesidade de traballar a educación emocional cos nosos mozos e mozas, cos nenos e nenas, para desmontar estes prexuízos e crenzas. Así poderán gozar dunhas relacións afectivas máis sas, máis libres, e será un avance extraordinario cara á fin da violencia machista.