Bailar coa morte

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

08 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Bailar é un acto que pode ter moitas connotacións. Son das que bailo na rúa, no súper ou na casa. Soa, pero tamén coas miñas fillas. Dános sensación de liberdade.

Pero tamén posúe unha connotación íntima. Bailar co meu pai é mergullarme na súa aperta. Por iso, as poucas ocasións que o facemos é especial e emotivo. Evidénciase un fío emotivo e de proximidade fermoso.

Esta confianza é difícil conseguir, aínda que tamén me sorprende logralo con certos estados, coma a morte. Aquí, en Galicia, a morte é algo próximo, co que estamos afeitos a convivir (por moito que o de vivir non teña sentido ningún neste caso). Somos de tocar a morte. De ver aos finados, acompañar a familia nos velorios e facelo, ademais, desde idades moi curtas.

Cando meus pais eran nenos resultaba habitual asistir aos actos fúnebres. Pero ata iso mudou. As miñas nenas aínda están protexidas por unha burbulla transparente pero eficaz.

Quizais por iso aquí non é tan difícil atopar notas necrolóxicas curiosas. Antonio despediuse pasados os 90 indicando que os irmáns e demais familia que non se preocuparan por el non se molestasen en asistir ao soterramento. O mesmo fixo Mari Paz, que declaraba que a súa familia non era de sangue, polo que deixaba unha relación da xente á que deixaba asistir ao tanatorio.

Aquí bailamos coa morte, na intimidade. Por iso somos quen de facer estas cousas, porque sabemos que ese día vai chegar e é mellor prepararse para el. Aínda que, confésoo, eu nunca estou preparada para algo así.