Neutralidade infernal

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

02 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moito tempo que sabemos que o inferno son os outros. Dixo Sartre, e dixo ben, que o mal habita na mirada do outro. É así. Na mirada e nas palabras. Hai unha deputada de Vox que cada vez que se dirixe á ministra de Traballo (persoa á quen se supón que debemos conceder certa honra) faino chamándolle «ministra comunista de Trabajo». É tan ridículo que dá risa. Pero seguro que lle funciona. É o inferno das palabras, usadas para mancar, para esnaquizar a semántica e que todo signifique algo perverso. Así que supoñamos, xa que de perversións falamos, que o día de mañá esa deputada de Vox chega a ser a ministra de Traballo. Debemos chamala a «ministra fascista de Trabajo»? Soa infernal. É infernal.

Do inferno falou o Dante Alighieri hai 700 anos. E o que dixo vale, sete séculos despois, para os nosos tempos atribulados. Deixou escrito o sabio: «Os lugares máis escuros do inferno están reservados para os que manteñen a neutralidade en tempos de crise moral». Reparen ben na cita. Non di «o inferno». Di «os lugares máis escuros do inferno». No universo simbólico católico o inferno resérvase para os peores. Mais dentro do inferno hai lugares aínda máis infernais que o propio inferno. Máis escuros que a propia escuridade. O da luz como algo bo e a escuridade como algo malo levámolo grampado no ADN dende séculos. Pois iso. O máis escuro do inferno é para os neutrais, para os que non toman partido. Xa o dixo outro sabio, neste caso Gabriel Celaya: «Maldigo la poesía concebida como un lujo cultural por los neutrales/ que, lavándose las manos se desentienden y evaden./ Maldigo la poesía del que no toma partido hasta mancharse». Hai que tomar partido. Hai que mancharse diante da auxe do trumpismo e do fascismo intolerante. Por min e polos que veñen detrás. Porque non se pode ser neutrais en tempos de crise moral, dixo o Dante Alighieri. E estamos a vivir un tempo de crise moral, de crise democrática, onde nun parlamento se pode insultar sen que nada pase ou onde unhas eleccións as pode gañar alguén sen ofrecer unha única proposta, só repetindo un mantra («libertad»).

Cando pasen os séculos, quizais sete, como dende o Dante a nós, alguén ollará cara estes anos e dirá: en España estaban a vivir un inferno pero todos eran neutrais. Ninguén se puña diante dos incendiarios para retrucarlles. Ninguén termaba da palabra dignidade para dicir que certas cousas non son admisibles aínda que teñan millóns de votos detrás. Todos eran limpos, brancos, como sempre pasa en tempos de neutralidade. Daquela, veu o lobo e papounos a todos.